O Concello de Bergondo amplía a súa oferta de verán con máis de 1.100 prazas en campamentos

ACoruñaXa
A oferta inclúe propostas para nenos e nenas a partir dos 3 anos e actividades específicas para maiores de 55
Campamento-Semana-Santa-Monterroso
19 May 2025

O Concello de Bergondo presenta a súa programación de actividades e campamentos de verán para 2025, cun total de 1.120 prazas dispoñibles. Esta cifra supón un incremento notable respecto ao ano pasado, cando se ofertaron 849 prazas. A iniciativa busca facilitar a conciliación familiar e fomentar o lecer activo para veciñanza de todas as idades.

A oferta inclúe propostas para nenos e nenas a partir dos 3 anos, actividades específicas para maiores de 55 e incluso opcións para desfrutar en familia. Un dos programas que se manterá nesta edición, debido á boa acollida anterior, é o campamento deportivo destinado ao alumnado de secundaria.

O prazo de preinscrición estará aberto do luns 19 ao venres 23 de maio. As persoas interesadas poderán anotarse a través dun formulario web ou presencialmente na Casa da Cultura en horario de mañá, de 9:30 a 14:30 horas.

Os campamentos de conciliación desenvolveranse en A Senra e están dirixidos a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. Contarán cun horario base de 9:00 a 14:00 horas, aínda que se ofrecerá un servizo ampliado entre as 8:00 e as 15:00. Os participantes que entren ás 8:00 terán dereito a almorzo, sempre que o indiquen na súa solicitude.

No caso do alumnado de secundaria, haberá dous campamentos deportivos tamén en A Senra e a súa contorna. Celebraranse en dúas quendas, unha do 1 ao 11 de xullo e outra do 15 ao 26 do mesmo mes. Cada campamento contará cun máximo de 24 prazas e será necesario un mínimo de oito participantes para a súa realización.

Ademais destes campamentos principais, o Concello programará outras actividades durante os meses de verán. Entre elas está o Campamento de Verán 2025, dirixido a rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos, que se desenvolverá nunha localización aínda por concretar. Tamén está prevista unha saída ao Aquapark de Cerceda o 20 de agosto, cun total de 44 prazas para nenos e mozos de entre 5 e 17 anos. Por outra banda, o 12 de xullo terá lugar unha xornada de convivencia familiar no parque de aventuras Roq Park, en Viveiro, á que poderán asistir ata 58 persoas.

No apartado deportivo, durante os meses de xullo e agosto realizaranse actividades náuticas na praia de Gandarío, todos os martes e xoves en horario de 10:00 a 13:00 horas. En cada quenda haberá un máximo de 30 prazas dispoñibles.

A programación tamén contempla propostas para o público adulto. Durante xullo e setembro, organizaranse talleres de ioga, taichí, pilates e zumba, que se impartirán no ximnasio ou na pista polideportiva da Casa da Cultura. Para as persoas maiores de 55 anos, desenvolverase unha actividade específica centrada na prevención de lesións músculo-esqueléticas.

Finalmente, á oferta municipal súmanse os campus organizados por entidades deportivas locais. O Club Atlético Bergondo, o Club Rítmica AUSARTA e o Club de Remo Olímpico do Mandeo organizarán as súas propias actividades estivais dirixidas a nenos, nenas e adolescentes do municipio.

 

⚙ Configurar cookies
0.15238308906555