O Concello de Arteixo publica as bases dos concursos do seu Entroido 2025

A Concellaría de Cultura de Arteixo vén de facer públicas as bases dos concursos do Entroido 2025, tanto na categoría Infantil como no Concurso de Carrozas, Comparsas e Disfraces de Adultos.
O Concurso Infantil terá lugar o luns 3 de marzo ás 17.30 horas no Campo da Festa, onde os máis pequenos poderán amosar a súa creatividade e disfraces. Pola súa banda, o Concurso de Carrozas, Comparsas e Disfraces de Adultos celebrarase o martes de Entroido, 4 de marzo, cun desfile que dará comezo ás 17.30 horas e que culminará no Campo da Festa. Unha vez alí, cada participante subirá ao escenario para deleite do público arteixán.
O Concello de Arteixo destinará unha importante dotación de premios, cun total de 10.770 euros repartidos entre as diferentes categorías. No Concurso Infantil concederanse diversas recompensas aos mellores disfraces. No Concurso de Adultos haberá premios destacados para as mellores carrozas e comparsas, ademais de accésits por participación nestas modalidades.
As persoas interesadas en participar teñen de prazo para inscribirse ata o xoves 27 de febreiro. As inscricións poderán realizarse a través da sede electrónica ou de maneira presencial nas oficinas do Servizo Municipal de Cultura, situadas no Centro Cívico Cultural de Arteixo, en horario de 9.00 a 14.00 horas. No caso do Concurso Infantil e da modalidade de disfraces de adultos, o prazo de inscrición poderá ampliarse ata o mesmo día da súa celebración.