O Concello de Arteixo informa da situación das instalacións deportivas tras o apagamento

ACoruñaXa
As piscinas de Arteixo e Meicende funcionan con relativa normalidade, aínda que con pequenas incidencias
piscina-arteixo
29 Apr 2025

O Concello de Arteixo vén de informar sobre a situación actual das instalacións deportivas municipais tras o recente apagamento eléctrico que afectou a diversos servizos. As piscinas municipais de Arteixo e Meicende funcionan con relativa normalidade, aínda que se rexistran pequenas incidencias derivadas da interrupción no subministro.

No caso da piscina municipal de Arteixo, a temperatura da auga é lixeiramente inferior ao habitual, pero mantense dentro dos parámetros sanitarios correctos. Agárdase que nas vindeiras horas a situación se normalice completamente.

Pola súa banda, na piscina municipal de Meicende, tamén se rexistrou unha leve baixada de temperatura, sen afectar ao uso xeral da instalación. Porén, o vaso de ensino permanece pechado debido a unha avaría provocada polo apagamento. En concreto, estragouse unha placa electrónica que controla a dosaxe do cloro, un elemento esencial para garantir a seguridade hixiénico-sanitaria da auga.

Os técnicos municipais xa están a traballar na substitución da peza avariada, co obxectivo de reabrir o vaso de ensino o antes posible. Mentres tanto, a piscina grande de Meicende continúa operativa con total normalidade.

Desde o Concello de Arteixo piden desculpas polas molestias ocasionadas e agradecen a comprensión da cidadanía. Ao mesmo tempo, lembran o seu compromiso coa seguridade e calidade das instalacións deportivas municipais.

⚙ Configurar cookies
0.15267491340637