O Concello de Arteixo impulsará a humanización integral do barrio histórico da Cachada

O Concello de Arteixo ten previsto acometer unha profunda transformación urbana no barrio da Cachada, un dos núcleos históricos do centro da vila. A intervención centraráse nas rúas Domingo de Andrade, Pedro de Monteagudo e Mestre Mateo, vías que conectan a residencia de maiores e o paseo fluvial coa travesía principal do municipio.
Estas rúas presentan en día importantes limitacións en canto á accesibilidade e mobilidade peonil debido á súa antigüidade e estreitez. O proxecto municipal busca revertir esta situación mediante unha actuación integral que mellorará tanto a calidade do espazo público como as infraestruturas municipais e servizos existentes.
Entre as actuacións previstas destacan a ampliación e continuidade das beirarrúas para garantir un paso seguro e accesible, a reorganización das prazas de estacionamento e a reubicación dos colectores de lixo, así como a eliminación de barreiras arquitectónicas mediante o soterramento de liñas eléctricas. Ademais, renovarase o firme das rúas, mellorarase a sinalización viaria e actuarase sobre as redes de saneamento, pluviais e abastecemento de auga. O proxecto tamén contempla a modernización do alumeado público con tecnoloxía LED e a instalación de novo mobiliario urbano, do que actualmente carece esta zona.
A actuación conta cun orzamento estimado de 576.000 euros. O concello iniciará agora os trámites para a obtención dos terreos necesarios nas zonas onde se precise ampliar as rúas. Unha vez superada esta fase, procederase á licitación das obras. Se se cumpren os prazos previstos, a reforma podería estar finalizada a finais de ano ou a comezos de 2026.
O alcalde, Carlos Calvelo, subliñou que esta iniciativa “pretende mellorar unha zona moi habitada do núcleo urbano de Arteixo e dar continuidade ás actuacións integrais de urbanización co obxectivo de incrementar a calidade de vida da veciñanza”.