O Concello de Arteixo expropiará tres vivendas para ampliar a travesía de Meirás

O Concello de Arteixo aprobou na xunta de goberno o procedemento para expropiar tres vivendas situadas na travesía de Meirás, en Meicende. O concello destinará 151.000 euros para a adquisición destes tres inmobles, e os propietarios serán convocados no mes de abril no propio concello para formalizar a compra.
A expropiación permitirá ampliar a travesía de Meirás nun tramo comprendido entre os números 59 e 63, en parcelas que actualmente están fora de ordenación, xa que ocupan solo destinado a vial público segundo o planeamento urbanístico do Concello. A actuación situarase na contorna do recinto escolar, da igrexa e do parque público próximo.
O proxecto de obra, que se licitará e executará tras finalizar o proceso de expropiación, suporá unha inversión de 233.000 euros. O obxectivo é levar a cabo unha nova urbanización na travesía de Meirás, que permitirá ampliar o ancho efectivo do vial tras a expropiación e a demolición das vivendas que se atopan fora de ordenación.
Despois das demoliciones das tres casas, o terreo será explanado e nivelado á cota do vial para a creación dunha nova acera peonil e a disposición de varias prazas de aparcamento en batería. A zona de aparcamento estará separada do itinerario peonil por unha franxa de 2 metros de zona verde. Os accesos ás parcelas colindantes coa nova urbanización manterán as mesmas condicións.
O proxecto tamén contempla o traslado dun poste incompatible coa nova urbanización para o tendido das liñas eléctricas existentes e o soterramento de novas liñas eléctricas que darán servizo ás parcelas colindantes coa nova área urbanizada.