O Concello de Arteixo destinará 369.000 euros a subvencións deportivas en 2025

O Concello de Arteixo aprobou en pleno as bases das subvencións en réxime de concorrencia competitiva para actividades deportivas durante o ano 2025. O Goberno local destinará un total de 369.000 euros co obxectivo de promover e fomentar o deporte na zona, apoiando actividades organizadas por entidades sen ánimo de lucro. Con esta iniciativa, preténdese impulsar o desenvolvemento deportivo e reforzar a oferta de actividades para a cidadanía.
Na actualidade, Arteixo conta con máis de 2.300 persoas federadas en distintas disciplinas deportivas, mentres que preto de quince mil cidadáns están inscritos nalgunha instalación municipal para a práctica deportiva.
Cortes de tráfico polo Campionato de España de Trial
Durante a fin de semana do 29 e 30 de marzo, Arteixo acollerá unha proba do Campionato de España de Trial. O evento, organizado polo Club Motomontañismo Arteixo e convocado pola Real Federación Motociclista Española e a Federación Galega de Motociclismo, implicará cortes de tráfico na avenida de Arsenio Iglesias.
O tramo afectado irá desde a entrada ao hipermercado Gadis (ao que só se poderá acceder en coche desde a propia avenida) ata a rotonda situada fronte ao instituto de FP. O corte iniciarase o venres 28 de marzo ás 20,00 horas e permanecerá ata o domingo 30 de marzo ás 22.00 horas. Os condutores que se dirixan ao complexo de piscinas ou aos campos de fútbol deberán estacionar nos aparcadoiros habilitados para o evento.
O campionato atraerá a numerosos deportistas e espectadores. A programación inclúe verificacións técnicas e recoñecementos das zonas de competición o venres 28, mentres que as probas disputaránse o sábado de 10.00 a 19.00 horas e o domingo de 9.00 a 16.00 horas.
O epicentro do evento situarase no Campo da Festa, onde estarán localizadas as verificacións, a zona de espera dos mochileiros, a área VIP e parte das zonas de competición. Ademais, outras zonas de proba estenderanse ata o monte da Penouqueira.