O Concello de Arteixo colabora na mellora da praia de Repibelo para a súa reapertura inmediata

ACoruñaXa
A intervención está prevista que remate a vindeira semana
praia-arteixo
29 May 2025

A praia de Repibelo, no Concello de Arteixo, está a ser obxecto estes días dunha intervención de mellora promovida pola Autoridade Portuaria da Coruña, en coordinación coa Demarcación de Costas de Galicia e o propio Concello. O obxectivo: recuperar e acondicionar o areal para facilitar o seu uso público nas mellores condicións posibles.

Os traballos arrancaron co traslado dos cantos rodados situados na parte alta da praia, o que permitirá habilitar unha zona de praia seca e mellorar o acceso á beira. Ademais, nas vindeiras xornadas realizarase unha adecuación do perfil da praia e o seu pendente, para garantir unha maior comodidade e seguridade para as persoas usuarias.

A intervención está prevista que remate a vindeira semana, polo que Repibelo podería reabrir ao público en poucos días, a tempo para o inicio da tempada estival.

Estas obras enmárcanse no programa de vixilancia ambiental vinculado ao Porto Exterior de Punta Langosteira, cun investimento estimado de 17.500 euros.

⚙ Configurar cookies
0.17910480499268