O Concello de Arteixo celebrou o talento escénico na gala dos Premios amArte 2025

O Auditorio do Centro Cívico Cultural Manuel Murguía vén de acoller a gala de entrega dos Premios amArte 2025, nunha xornada que puxo en valor o talento e a paixón polo teatro afeccionado. O evento serviu para recoñecer o traballo das compañías participantes na primeira edición do Certame de Teatro Amador do Concello de Arteixo, promovido pola Concellaría de Cultura.
Nesta primeira convocatoria, marcada pola boa acollida do público e a calidade das propostas, resultou gañadora do Premio do Xurado ao Mellor Espectáculo a obra De marzo a marzo, da compañía Opaí Teatro Canido SRD, procedente de Ferrol. Pola súa banda, o Premio do Público ao Mellor Espectáculo foi para O parvo, do Grupo de Teatro Badius, de Zas.
A organización tamén entregou Premios de Participación ás compañías que formaron parte do certame, recoñecendo así o seu compromiso co teatro e coa dinamización cultural local:
Opaí Teatro Canido SRD (Ferrol)
Muíño do Vento (Ferrol)
Grupo Badius (Zas)
CamTheAm (Cambre)
Imaxina-T (Narón)
Desde a Concellaría de Cultura trasladaron o seu agradecemento “á dedicación, entrega e calidade das compañías, que fixeron desta primeira edición un auténtico éxito”.
A gala amArte 2025 converteuse así nun espazo de celebración para o teatro feito con paixón e esforzo, abrindo camiño a futuras edicións nas que o talento amador poida seguir atopando un escenario para brillar en Arteixo.