O Concello de Abegondo ofrece en decembro dous cursos gratuítos para mellorar as competencias dixitais da veciñanza

ACoruñaXa
As accións formativas, organizadas en colaboración con Yoconecto.org, abordarán o uso de aplicacións para xestionar trámites en liña e a creación de contidos con intelixencia artificial
ABEGONDO cursos cemit ia
9 Nov 2025

O Concello de Abegondo continúa coa súa aposta pola formación dixital da cidadanía a través da Aula Cemit, onde o vindeiro mes de decembro se impartirán dous cursos gratuítos en colaboración coa plataforma Yoconecto.org, impulsada pola Fundación Cibervoluntarios e financiada pola Unión Europea.

O primeiro deles, ‘Crea contido coa intelixencia artificial’, está dirixido a persoas maiores de 18 anos e desenvolverase entre o 1 e o 4 de decembro, en horario de 17.00 a 20.00 horas. O obxectivo é achegar aos participantes as ferramentas básicas para crear e editar contido dixital empregando tecnoloxías de intelixencia artificial, así como fomentar un uso responsable e seguro destas aplicacións.

O segundo curso, ‘Apps para xestionar trámites en internet’, está orientado a persoas maiores de 60 anos e celebrarase os días 1, 5, 10 e 12 de decembro, en horario de 10.00 a 13.00 horas. Esta formación práctica busca axudar aos asistentes a familiarizarse co uso de aplicacións e servizos dixitais para realizar xestións administrativas, operacións bancarias ou acceder á sanidade e ao lecer en liña.

Ambas as accións formativas contan con certificación oficial e están adaptadas a todos os niveis, desde a iniciación ata o perfeccionamento, con contidos centrados na seguridade na rede, a identidade dixital, a banca electrónica e o benestar dixital. As persoas interesadas poden inscribirse chamando ao 981 647 909 ou enviando un correo a cemit.abegondo@xunta.gal.

⚙ Configurar cookies
0.070732116699219