O Concello de Abegondo lanza axudas para apoiar a competición deportiva de alto nivel
O Concello de Abegondo vén de abrir o prazo para solicitar as axudas destinadas a promover a participación en competicións de alto nivel dos deportistas locais. Esta iniciativa busca apoiar o desenvolvemento técnico e o rendemento dos atletas do municipio, favorecendo a súa evolución deportiva e facilitando a súa participación en eventos relevantes.
A convocatoria diríxese a deportistas federados que non teñan condición de profesionais. A dotación económica dispoñible para esta edición ascende a 8.000 euros, e a valoración das solicitudes terá en conta a traxectoria e os méritos acadados ao longo do ano 2023.
As bases da convocatoria foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia o pasado 4 de outubro, e o prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto desde hoxe, luns 14 de outubro, ata o vindeiro 11 de novembro.
O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, subliña a importancia de apoiar o deporte local. "O noso obxectivo é contribuir a que os deportistas do municipio poidan afrontar os custos derivados da súa actividade competitiva", sinala o rexedor, destacando o esforzo económico que supón para os atletas non profesionais participar en eventos de alto nivel.
Toda a información sobre a convocatoria e os trámites necesarios para presentar a solicitude está dispoñible na sede electrónica do Concello.