O Concello de Abegondo e o Consorcio As Mariñas renovan a brigada social de limpeza viaria
O Concello de Abegondo asinou co Consorcio As Mariñas o convenio de formación para a súa brigada social de limpeza viaria. Esta brigada asume tarefas de mantemento de carreteiras e de conservación de espazos públicos. A renovación do acordo permitirá dar continuidade á iniciativa durante os próximos seis meses ata o mes de xullo.
Tal e como se establece no convenio unha preparadora laboral do Consorcio encargarase de dar formación laboral aos integrantes da brigada, formada por veciños de Abegondo con diversidade funcional.
Pola súa parte, o Concello fíxose cargo da entrega de roupa de traballo e das novas ferramentas nun acto presidido o luns polo alcalde da vila, Xosé Antonio Santiso. O rexedor agradeceu aos membros de la brigada “o labor público” que realizan por Abegondo e animounos a seguir formándose “coas mesmas ganas que ata o de agora”.