O Concello de Abegondo aproba participar no POS da Deputación

ACoruñaXa
A corporación rexeita en pleno a moción do BNG para revisar os convenios asinados co Deportivo da Coruña
pleno-xaneiro-abegondo
31 Jan 2025

No pleno ordinario da corporación do Concello de Abegondo aprobáronse as propostas para participar no Plan Único de Concellos da Deputación da Coruña. Acolleuse á posibilidade ofrecida pola Deputación e destinará este exercicio o 100 % do POS a gasto corrente. Esta medida permitirá incrementar o capítulo de investimentos propios do orzamento municipal e executar máis actuacións sen estar suxeitas ás restricións das axudas provinciais.

O POS ascende a 735.650,48 euros. Ademais, no Plan Complementario inclúese o proxecto de reparación da estrada entre A Calva, en Cerneda, e A Fraga, en Vizoño, cun orzamento de 115.690,01 euros. Tamén se ratificou o POS Adicional para gastos sociais, que asigna 74.359,01 euros a gasto corrente e 2.500 euros a investimentos. A aprobación foi unánime, ao igual que a redución da débeda co ente provincial polos préstamos dos POS de exercicios anteriores, cunha asignación de 131.758,30 euros.

Durante a sesión plenaria tamén se aprobou a actualización do inventario municipal para incluír, entre outros aspectos, o terreo adquirido polo Concello xunto ao novo centro de saúde, que permitirá crear novos accesos. Trátase dunha finca de 1.231 metros cadrados cun valor de 49.000 euros. O alcalde, José Antonio Santiso, avanzou que xa existe un acordo coa gasolineira para crear unha entrada de 6 metros de ancho, mellorando o acceso ao centro de saúde, o polideportivo, a piscina e o colexio. Ademais, solicitou á Consellería de Infraestruturas colaboración para construír unha rotonda na AC-542.

O CONVENIO CO DEPORTIVO

No apartado de mocións, o BNG solicitou a revisión dos convenios asinados co Real Club Deportivo da Coruña sobre a cidade deportiva. O alcalde aclarou diversos aspectos erróneos das consideracións do edil nacionalista, como o uso por parte dos clubes locais. Explicou que no seu momento foi ofrecido tanto ao San Tirso como ao Vizoño, pero rexeitárono, e actualmente varias seccións do Xuventude de Crendes adestran alí.

Santiso tamén destacou que as achegas do Deportivo revalorizanse co tempo polo incremento do IPC e que a obra en execución do club tamén xerou ingresos municipais a través do ICIO. “Nós consideramos que o acordo foi e é moi beneficioso para Abegondo, dános unha enorme visibilidade diaria en medios de índole nacional, ademais de contar coa infraestrutura”, expresou o rexedor. Ademais, lembrou que o BNG, cando gobernou, non promoveu ningunha revisión do convenio. A moción foi rexeitada, obtendo só o voto favorable do edil do BNG. O PP votou en contra e o PSOE abstívose.

0.14610290527344