O Concello de Abegondo aproba a conta xeral cun remanente de máis de 2 millóns de euros

ACoruñaXa
O Goberno local destinará parte do remanente a actuacións como o aparcadoiro do futuro centro de saúde
pleno-xullo-abeg
1 Aug 2025

O Concello de Abegondo celebrou este un pleno ordinario no que se aprobou a conta xeral correspondente ao exercicio 2024, un dos puntos principais da orde do día. Durante a sesión, o alcalde, José Antonio Santiso, detallou os principais indicadores económicos do documento, destacando un superávit de 835.461,21 euros e un remanente de tesourería de 2.150.468,58 euros. Estas cifras, segundo o rexedor, reflicten “a boa saúde das arcas municipais”.

Santiso avanzou tamén a intención do Goberno local de destinar parte do remanente “á execución de máis obras para mellorar os servizos e infraestruturas dos veciños e veciñas”, entre as que subliñou a compra dunha parcela para construír o futuro aparcadoiro do novo centro de saúde.

A aprobación da conta xeral contou co voto favorable do grupo de goberno e coa abstención do BNG de Abegondo. Os edís do PSOE non asistiron á sesión.

Festivos locais e adhesión a convenio estatal

O pleno tamén deu luz verde á proposta de festivos locais para o ano 2026, que serán o martes de Entroido (17 de febreiro) e o día de San Pedro (29 de xuño). O punto aprobouse cos votos favorables do executivo municipal e a abstención do BNG.

Por unanimidade, a corporación aprobou a adhesión do Concello ao convenio entre o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e a Xunta de Galicia para a prestación de solucións básicas de administración xeral.

Acordos sobre o parque eólico de O Seixo e igualdade

O BNG presentou varias mocións na sesión plenaria. Entre elas, foi aprobada —co apoio do grupo popular e do propio BNG— unha iniciativa contra o proxecto do parque eólico de O Seixo.

Durante o debate, o alcalde lembrou que o Concello presentou recentemente novas alegacións tanto contra o parque eólico como contra a ampliación do proxecto de subestación de Rede Eléctrica Española. “Mantemos e manteremos unha oposición rotunda ante esta actuación que terá un gran impacto no noso territorio”, subliñou.

Tamén se aprobou outra moción nacionalista en defensa da igualdade e contra a LGTBfobia, que contou co voto favorable do BNG e a abstención do goberno local.

⚙ Configurar cookies
0.28059816360474