O Concello de Abegondo adxudica o novo servizo de axuda no fogar por 727.875 euros anuais

ACoruñaXa
O servizo proporcionará atencións de carácter persoal para a realización das actividades básicas da vida diaria
abegondo-fogar
22 Mar 2025

O Concello de Abegondo vén de adxudicar o novo servizo de axuda no fogar, unha das principais necesidades sociais da veciñanza. A contratación recaeu na empresa A0 Mayores Servicios Sociales por un importe anual de 727.875,50 euros.

O servizo proporcionará atencións de carácter persoal para a realización das actividades básicas da vida diaria, así como apoio nas necesidades domésticas e de vivenda. Ademais, incluirá asistencia de carácter psicosocial e educativo. A prestación abranguerá un total de 26.500 horas anuais, distribuídas entre atención á dependencia e libre concorrencia.

O Concello contará tamén coas melloras ofertadas pola empresa, que foron valoradas no proceso de adxudicación. Entre elas destacan servizos de podoloxía, fisioterapia, perruquería a domicilio, estimulación cognitiva e transporte asociado ao acompañamento. Tamén se disporá de axudas técnicas como guindastres de mobilización persoal, camas articuladas, cadeiras de ducha-baño, cadeiras de rodas e andadores.

O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, asinou onte o contrato coa empresa adxudicataria. O rexedor destacou a importancia deste servizo para a veciñanza: “A axuda no fogar é un servizo imprescindible, por iso puxemos énfase en garantir unhas condicións de calidade”. O contrato terá unha duración dun ano, con opción a prórroga por outro ano máis.

⚙ Configurar cookies
0.15254688262939