O Concello de Abegondo abre o prazo para solicitar as cacharelas de San Xoán

ACoruñaXa
Como novidade para facilitar a xestión habilitouse un formulario en liña
fogata-hogueira-san-xoan-2
10 Jun 2025

O Concello de Abegondo abre o prazo para que a veciñanza poida solicitar autorización para facer as tradicionais cacharelas de San Xoán. Como novidade para facilitar a xestión, habilitouse un formulario en liña que xa se pode cubrir a través da páxina web municipal.

As persoas interesadas deberán presentar a súa solicitude antes do venres 20 de xuño ás 14.00 horas. A través deste procedemento, o Concello pretende axilizar os trámites e garantir a seguridade durante a celebración dunha das noites máis festivas do ano.

O executivo local fixa unha serie de normas obrigatorias para a realización das fogueiras. Así, o emprazamento escollido non pode supoñer risco para persoas ou bens, e a estrutura non poderá superar os 3 metros de alto, ancho e longo. Ademais, será necesario manter unha zona de 5 metros arredor da fogueira libre de materiais inflamables e contar con medios de extinción ao alcance, por se fose preciso actuar.

Unha vez rematada a actividade, os responsables deberán deixar o lugar completamente limpo nun prazo máximo de 24 horas desde o inicio do lume.

No formulario requírense datos como o nome completo, correo electrónico, teléfono, dirección, parroquia, localización da cacharela e dimensións previstas, entre outros. Con esta medida, o Concello busca compatibilizar a tradición coa prevención e o coidado do entorno, apelando á responsabilidade da veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.15799307823181