O Concello de A Coruña responde ás reclamacións veciñais de Novo Mesoiro sobre o transporte

O Concello da Coruña respondeu ás solicitudes trasladadas pola Asociación Veciñal de Novo Mesoiro sobre as deficiencias no transporte público do barrio. Entre as medidas adoptadas, o goberno local sinala que se reforzou o servizo de bus urbano en horas de máxima demanda: ás 08.00 e 08:15 horas, coincidindo co inicio escolar e laboral, e arredor das 14.00 horas, coincidindo coa saída dos centros educativos.
Ademais, infórmase da instalación de dúas novas estacións de BiciCoruña, que se suman á xa existente, e recórdase que as achegas realizadas nos encontros por distritos —incluído o de Novo Mesoiro— están a ser incorporadas no proceso de elaboración do novo prego do servizo de autobús urbano.
Porén, desde a Asociación Veciñal sinalan que estes pasos son insuficientes. Destacan que a reunión celebrada no barrio foi unha das máis participativas de toda a cidade, o que evidencia a relevancia da cuestión do transporte para a veciñanza. Pasados xa seis meses, critican que non se teñan materializado avances significativos nas peticións clave, como as conexións directas con hospitais e universidades.
Respecto á incorporación de BiciCoruña, recoñecen o valor da medida mais lembran que responde a un proxecto de orzamentos participativos e non a unha iniciativa específica para mellorar a mobilidade en Novo Mesoiro. Engaden ademais que a bicicleta non resulta unha alternativa viable en todos os casos, como no dunha veciña en tratamento oncolóxico exposto na reunión co Concello.
A asociación insiste en que o barrio precisa unha visión diferenciada dentro do sistema de transporte urbano: 'Novo Mesoiro non ten as mesmas necesidades ca Monte Alto, e un enfoque global pode deixar fóra as realidades dos barrios periféricos', apuntan.
Finalmente, a entidade avanza que continuará reclamando que as necesidades reais de Novo Mesoiro se vexan reflectidas no novo prego do bus urbano e que se adopten medidas que melloren de maneira efectiva a mobilidade.