O Concello de A Coruña instala as dúas primeiras bases de BiciCoruña en Xuxán e habilita outra na travesía de Meicende

ACoruñaXa
As novas estacións reforzan a expansión do servizo e melloran a mobilidade entre a Coruña, os polígonos industriais e Arteixo
A CORUÑA bicicoruña
26 Nov 2025

O Concello da Coruña deu hoxe un novo paso na expansión de BiciCoruña coa instalación das dúas primeiras bases no barrio de Xuxán. Trátase das primeiras estacións deste servizo municipal nesta zona da cidade, incorporadas ao abeiro do plan de ampliación que o Goberno de Inés Rey está a desenvolver en todos os distritos.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, explicou que a localización das bases responde á existencia previa dun percorrido de carril bici no barrio. “Optamos por situar ambas as estacións moi preto da vía ciclable, aproveitando unha infraestrutura xa consolidada”, indicou. Así, unha das bases quedará instalada no cruzamento entre a avenida de Xuxán e a rampla que conecta coa avenida das Fresas de Eirís; a segunda estará tamén na avenida de Xuxán, á altura da intersección coa rúa Galán.

Tras a colocación física das estacións, iniciaranse agora as probas técnicas e a sincronización do software do sistema. “A posta en rúa é o primeiro paso. Despois é cando se executan as tarefas previas á súa entrada en funcionamento”, detallou Díaz.

Ademais, instalouse unha nova base de BiciCoruña no acceso principal á travesía de Meicende, preto da rotonda da refinaría e do desvío á avenida de Nostián. Esta actuación pretende facilitar os desprazamentos das persoas empregadas no polígono industrial da zona e mellorar a conexión en bicicleta entre a Coruña e Arteixo.

Díaz salientou que con esta medida “reforzamos a aposta pola mobilidade sostible e polos vehículos alternativos nos desprazamentos vinculados aos parques industriais e polígonos da área metropolitana”. No caso de Meicende, subliñou a proximidade da refinaría e das empresas asentadas no contorno, que xustifican a implantación desta base.

Esta intervención enmárcase tamén no protocolo de colaboración que A Coruña e Arteixo asinaron nos últimos meses para mellorar a coordinación das políticas públicas comúns, especialmente en materia de mobilidade interurbana.

⚙ Configurar cookies
0.070932149887085