O Concello de A Coruña e a RAG presentan na Casares Quiroga o estudo de Diego Rodríguez sobre as 'Rimas populares de Galicia' de Murguía

A Casa Museo Casares Quiroga acolleu a presentación do libro 'As Rimas populares de Galicia de Manuel Murguía', un estudo asinado por Diego Rodríguez González e editado coa colaboración do Concello da Coruña e da Real Academia Galega (RAG). O acto contou coa participación do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, do autor da publicación e do presidente da RAG, Henrique Monteagudo, nunha cita que se enmarca na conmemoración do cabodano dunha das figuras chave do galeguismo cultural.
Durante a presentación, Castro subliñou a aposta do Goberno local por divulgar o legado dos grandes nomes da literatura e do pensamento galego, en coordinación con institucións como a RAG, para facilitar o acceso da cidadanía a ese patrimonio. A obra de Rodríguez González pon o foco nun proxecto que Murguía non chegou a ver impreso en vida: as 'Rimas populares de Galicia', un traballo que foi mudando ao longo do tempo, con referencias a distintos momentos de preparación e con evidencias de que o autor continuou revisándoo ata etapas avanzadas.
Segundo se explicou, a redacción destas 'Rimas' avanzou sen campañas de recolla directa sobre o terreo. Murguía limitouse a solicitar achegas, reunir materiais enviados por terceiros e contextualizalos a partir da ampla bibliografía á que tiña acceso, ata conformar un conxunto que, polo seu estado, puido estar practicamente listo para entrar en imprenta. Co paso dos anos, porén, a obra foi chegando ao público de maneira fragmentaria, a través de edicións e transcricións parciais e das páxinas 'definitivas' conservadas en entidades como a Real Academia Galega e a Fundación Barrié.
A publicación reivindica este legado, discutido en distintas ocasións pero considerado auténtico, como unha peza relevante para afondar no estudo da poesía popular galega. Ademais, abre a porta a revisar interpretacións asentadas do romanceiro hispánico e a repensar algúns esquemas dominantes sobre tradición e cultura popular no contexto europeo.