O Concello de A Coruña centraliza o pago do bus urbano na APP Coruña

ACoruñaXa
A partir do próximo martes 1 de abril, a APP Millennium Próxima deixará de estar operativa
Imaxe dun autobús urbano na Coruña
29 Mar 2025

O Concello de A Coruña está a ultimar o plan para consolidar o pago dos billetes do transporte urbano a través de dispositivos móbiles exclusivamente na APP Coruña. Este avance dáse despois do salto cualitativo experimentado o pasado ano coa implantación do sistema de pagamento mediante códigos QR, dispoñible para dispositivos iOS e Android.

O novo sistema de códigos QR rexistra un menor número de incidencias e destaca pola súa universalidade, xa que é compatible con todos os terminais, fronte ao sistema anterior que só era apto para o 80 % dos teléfonos.

A partir do próximo martes 1 de abril, a APP Millennium Próxima deixará de estar operativa, polo que o pagamento con dispositivos móbiles só se poderá realizar a través da APP Coruña mediante códigos QR.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, destacou a tendencia á alza do uso dos códigos QR, coincidindo cun descenso xeneralizado dos pagos coa APP Millennium Próxima. Segundo os datos do Concello, esta última rexistraba uns 300 usos diarios, mentres que os pagos con QR alcanzan os 18.000 diarios. Ademais, desde a implantación do sistema de QR, case 54.000 persoas adoptaron esta metodoloxía de pago, mentres que a APP Millennium Próxima só conta actualmente con arredor de 1.000 usuarios activos, representando apenas o 0,64 % dos pagos totais en marzo.

Nos últimos meses, o servizo municipal de Mobilidade informóu polas distintas canles da necesidade de migrar da APP Millennium Próxima á APP Coruña, facilitando a transición dos usuarios ao novo sistema de pago con QR. O cambio é sinxelo e pode realizarse directamente desde o propio dispositivo móbil, permitindo incluso trasladar o saldo dispoñible da aplicación antiga á nova.

O pago dos billetes no transporte urbano da Coruña seguirá estando dispoñible por tres vías: en efectivo, coa tarxeta física Coruña Millennium e, nos dispositivos móbiles, a través do sistema de códigos QR da APP Coruña. No caso do bus metropolitano, os usuarios poderán seguir pagando coas tarxetas físicas Metropolitana e Millennium ata que a Xunta actualice o seu sistema de pago.

O Concello está a traballar coa Xunta de Galicia para que esta actualice os dispositivos de pago na flota metropolitana, mellorando a compatibilidade entre ambas as dúuas redes de transporte. Desde hai meses, o Concello ten trasladado á Xunta a necesidade de implantar o sistema de pago por QR, máis fiable e universal, e mantén reunións cos responsables autonómicos para avanzar nesta liña.

Para pagar con Millennium QR, os usuarios que non a usaran previamente deben xerar unha nova tarxeta e aceptar as condicións de uso para obter un novo número de tarxeta. O proceso é sinxelo: Acceder á sección Transporte > Autobús urbano > Pago con QR, ou empregar o acceso directo na pantalla principal da aplicación. Seguir as instrucións da pantalla para completar a activación.

A APP Coruña non só centraliza o pagamento do transporte urbano, senón que ofrece información de todos os servizos municipais da cidade, facilitando a xestión cidadá dun xeito máis eficiente e accesible.

 

⚙ Configurar cookies
0.41388893127441