O Concello de A Coruña abre hoxe, 2 de febreiro, o prazo para participar en Idiomas do Mundo 2026 con estancias en Irlanda

O Concello da Coruña abriu hoxe, luns 2 de febreiro, o prazo de inscrición no programa municipal Idiomas do Mundo 2026, unha iniciativa que oferta un mínimo de 29 prazas para estancias dun mes na Irlanda, dirixidas a estudantes que cursan 1º de Bacharelato durante o presente curso escolar.
A apertura do prazo prodúcese tras a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia. As solicitudes poderán presentarse ata o 13 de febreiro, ambos incluídos. Para participar será preciso cubrir a ficha dispoñible na web municipal e achegar a documentación requirida en calquera rexistro municipal ou doutra Administración.
As estancias desenvolveranse ao longo de catro semanas, durante os meses de xullo ou agosto, nunha localidade da República de Irlanda aínda por concretar. O programa está concibido como unha experiencia de inmersión lingüística e cultural, que permitirá ao alumnado mellorar o seu nivel de inglés e obter un certificado segundo o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas.
Durante a súa estancia, as persoas participantes asistirán polas mañás a clases de perfeccionamento de inglés e, polas tardes, tomarán parte en actividades deportivas, culturais e lúdicas. Ademais, realizaranse excursións durante as fins de semana. O alumnado aloxarase en domicilios particulares, convivindo con familias irlandesas co obxectivo de profundar no coñecemento da cultura local.
O programa Idiomas do Mundo está financiado integramente polo Concello, cun orzamento próximo aos 150.000 euros e un custo por praza de 5.138,83 euros. A achega municipal cubrirá entre o 65 e o 100 por cento do custo, en función da renda familiar, de xeito que as familias non deberán asumir en ningún caso máis do 35 por cento do importe total.
Entre os requisitos para acceder ao programa figuran estar matriculado en 1º de Bacharelato nun centro educativo da cidade no curso 2025-2026, ter unha nota media mínima de 6 en 4º da ESO sen materias suspensas e contar cunha cualificación de 7 ou máis en inglés nese mesmo curso.
O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, destacou que este tipo de iniciativas permiten achegar a mocidade a outras culturas e supoñen 'unha oportunidade única para aprender idiomas e ampliar horizontes persoais'.