O Concello da Coruña ultima medidas tras a declaración da cidade como zona de mercado residencial tensionado

ACoruñaXa
Francisco Díaz Gallego destaca na mesa sectorial de vivenda a importancia de actuar para equilibrar a oferta e os prezos do alugueiro
mesa-sectorial-de-vivenda-A-Coruña
19 Jul 2025

A mesa sectorial de vivenda celebrada no Palacio Municipal de María Pita serviu para que o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda da Coruña, Francisco Díaz Gallego, anunciase que o Concello está a pechar a proposta de medidas correctoras trala declaración da cidade como zona de mercado residencial tensionado.

Segundo explicou, trátase dunha das actuacións impulsadas polo Goberno municipal que lidera Inés Rey co obxectivo de afrontar as dificultades actuais en materia de vivenda no termo municipal, motivadas tanto polo incremento dos custos como pola necesidade de ampliar a oferta residencial, especialmente no ámbito do alugueiro.

“Esta realidade esténdese á maior parte do país, sobre todo ás cidades, e nós temos a responsabilidade de actuar na Coruña para equilibrar esta situación con todas as ferramentas ao noso alcance. Estamos a facelo escoitando aos colectivos e entidades, indo da man para falar e consensuar as actuacións necesarias”, subliñou Díaz Gallego durante a súa intervención.

Na sesión participaron representantes de APROINCO, APECCO, COAG, COATG, o Colexio da Propiedade Inmobiliaria, o Colexio de Administradores de Fincas, a Federación de Asociacións de Veciños, EMVSA, Delegación do Goberno, AGALÍN, Poten100mos, Fundación RAIS, CASCO, ACCEM e Cáritas.

O responsable municipal destacou que o Concello recollerá as propostas formuladas polos diferentes colectivos para completar a documentación que será remitida á Xunta de Galicia. “A zona de mercado residencial tensionado xa é efectiva a día de hoxe e confiamos en que contribúa a aliviar a situación actual en termos de vivenda na cidade”, concluíu Díaz Gallego.

⚙ Configurar cookies
0.17129492759705