O Concello da Coruña transmite que volta á normalidade tras 13 horas de apagamento

ACoruñaXa
A maioría dos servizos foron restablecidos ao longo da mañá, incluíndo a rede semafórica e a subministración de auga
apagon-actual-corunha
29 Apr 2025

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, fixo balance da situación vivida na cidade tras o corte de subministración eléctrica que afectou a amplas zonas do municipio durante a xornada de onte. O Goberno local activou de inmediato un gabinete de crise, no que tamén participou a Subdelegación do Goberno, e que permitiu coordinar unha resposta rápida e eficaz ante unha incidencia de gran magnitude.

A pesar da complexidade do apagamento, que se prolongou durante 13 horas, a cidade amenceu practicamente recuperada, sen incidentes graves. Os equipos de emerxencia liberaron máis de 90 persoas que quedaran atrapadas en ascensores e atenderon tres incendios provocados por cociñas que ficaron acesas durante o corte. En total, realizáronse 108 intervencións por parte de Bombeiros e Protección Civil, e outras 65 pola Policía Local.

A resposta de seguridade foi reforzada coa duplicación da quenda nocturna da Policía Local e a triplicación da presenza na rúa da Policía Nacional. Durante toda a noite, os axentes regulaban o tráfico nos principais cruces ante a falla de semáforos. Grazas a estas medidas non se rexistraron accidentes, e o dispositivo chegou a mobilizar un total de 257 persoas.

A área de Benestar Social tamén xogou un papel fundamental durante a crise. Só no día de onte repartíronse 321 comidas a domicilio e prestáronse 1.448 servizos asistenciais, incluíndo visitas a 606 persoas usuarias de axuda a domicilio. Os centros cívicos mantiveron case a totalidade da súa programación, cunha taxa de execución do 91 %.

"A resposta da cidadanía foi exemplar. Quero agradecer a colaboración e o comportamento responsable das coruñesas e coruñeses, que fixeron fronte a unha situación moi complicada con serenidade e solidariedade", destacou Inés Rey. A rexedora contactou esta mañá con 38 entidades veciñais para confirmar que a normalidade estaba a regresar a todos os barrios da cidade.

Os equipos municipais prestaron tamén apoio a persoas con mobilidade reducida que non podían acceder aos seus fogares por falta de ascensores, e mantiveron un seguimento personalizado das persoas vulnerables xunto con Protección Civil e Cruz Vermella.

A maioría dos servizos municipais foron restablecidos ao longo da mañá, incluíndo a rede semafórica e a subministración de auga, que se foi recuperando progresivamente dende a madrugada. As únicas incidencias pendentes foron a reposición do servizo no quiosco da praza de Ourense, que se espera solucionar nas vindeiras horas. A Escola Municipal de Música tamén recuperou o subministro ás 12.00 horas.

En canto ao ámbito educativo, seguen pechadas as escolas infantís por orde da Xunta de Galicia, mentres que os centros de Primaria abriron as súas portas con servizos mínimos garantidos. “Este episodio demostra que A Coruña conta cunha estrutura preparada para actuar con eficacia e humanidade ante situacións de emerxencia. Seguiremos traballando para mellorar a resiliencia da cidade”, concluíu Rey.

⚙ Configurar cookies
0.088093996047974