O Concello da Coruña somete a exposición pública a modificación da ordenanza do lixo

O Concello da Coruña abre o proceso de exposición pública da modificación da ordenanza do lixo, unha actualización necesaria para axustar a normativa municipal á lexislación estatal e ás directrices ambientais marcadas pola Unión Europea.
A cidadanía, así como as entidades e organizacións interesadas, poderán presentar as súas achegas e opinións a través dun formulario web que se habilitará este venres, 21 de marzo, na páxina oficial do Concello. O prazo para participar estenderase durante 20 días hábiles, ata o 21 de abril, incluído.
Esta iniciativa busca fomentar a participación cidadá no deseño da nova normativa, co obxectivo de mellorar a xestión dos residuos urbanos. A modificación da ordenanza pretende avanzar no cumprimento das directrices comunitarias en materia de separación en orixe dos residuos, mellorar os procesos de recollida e reciclaxe e promover hábitos de economía circular na sociedade.