O Concello da Coruña reorganiza o aparcadoiro do centro cívico dos Mallos

O Concello da Coruña iniciou hoxe os traballos de reordenación do aparcadoiro situado no acceso principal ao centro cívico dos Mallos, unha actuación que responde ás demandas da veciñanza e das persoas usuarias desta instalación municipal.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, explicou que, a pesar de que o estacionamento gratuíto xa estaba habilitado, “era necesario organizar os espazos, sinalizar as prazas e evitar o estacionamento irregular que, en ocasións, supoñía un risco importante para a entrada de vehículos de emerxencias, como ambulancias”.
As tarefas comezaron co replanteo previo ás actuacións de sinalización horizontal e vertical. Unha vez finalizadas, o aparcadoiro contará con 26 prazas para vehículos, incluíndo dúas prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida (PMR), unha máis que ata o de agora. Ademais, habilitarase un novo espazo específico para motocicletas, con sete prazas localizadas no sector oeste da explanada.
A actuación inclúe tamén a sinalización do percorrido de circulación desde o vial de acceso, garantindo así unha entrada e saída máis fluída e segura, especialmente para os servizos de emerxencia. “Queremos dar un sentido lóxico ao tránsito de vehículos nos arredores do centro cívico, mellorando a seguridade e comodidade de toda a cidadanía”, subliñou a concelleira.
Esta intervención forma parte dun plan máis amplo do Goberno local para renovar a rede de centros cívicos da cidade. Na súa primeira fase, o proxecto inclúe melloras nos centros de Labañou, San Diego, Castrillón e Os Rosales, cun investimento conxunto de 1,5 millóns de euros, cuxos contratos xa saíron a concurso a comezos deste mes.