O Concello da Coruña renovará a rede de saneamento na rúa Ángela Blanco de Soto, nos Castros

ACoruñaXa
As obras, cun investimento próximo aos 50.000 euros, forman parte do plan municipal para modernizar os colectores en toda a cidade
A CORUÑA rúa Ángela Blanco de Soto
21 Aug 2025

O Concello da Coruña iniciará nas próximas semanas os traballos de mellora da rede de saneamento na rúa Ángela Blanco de Soto, no barrio dos Castros, no tramo comprendido entre Monte das Moas e Xeneral Salcedo Molinuevo.

Segundo explicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, esta intervención enmárcase dentro do plan global que o Goberno local está a desenvolver para modernizar as tubaxes de recollida de augas en diferentes distritos da cidade, substituíndo os colectores antigos por materiais máis resistentes e seguros.

Na actualidade, os colectores da zona son de gres, polo que se procederá á súa renovación mediante a instalación de novas tubaxes de PVC, tal e como xa se realizou en barrios como a Agra do Orzán ou Monte Alto. O obxectivo é mellorar a durabilidade da rede e garantir un servizo máis eficiente.

A concelleira lembrou que xa están en marcha obras en puntos como Os Mallos e Nostián, de maior complexidade, e destacou que actuacións complementarias como a prevista nos Castros contribúen a reforzar o conxunto da infraestrutura municipal.

O investimento previsto para esta intervención ascende a uns 50.000 euros.

⚙ Configurar cookies
0.66492199897766