O Concello da Coruña renova o firme das vías cara á contorna do Campo da Leña e San Xoán

ACoruñaXa
Os traballos levaranse a cabo sobre unha superficie de máis de 2.700 metros cadrados
rua-calzada-a-coruna
14 Jul 2025

A mediados da vindeira semana, o Concello porá en marcha unha nova quenda de traballos para renovar o firme nos viais e calzadas de titularidade municipal, que se desenvolverá na contorna do Campo da Leña e ao longo da rúa San Xoán, nunha superficie de máis de 2.700 metros cadrados.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, apuntou á importancia desta intervención, que xa estaba sobre a mesa semanas atrás, “mais que se programou para mediados deste mes para favorecer o desenvolvemento do treito final de curso no colexio Grande Obra de Atocha e, ademais, facilitar a celebración dos festexos de San Xoán a finais de xuño, un evento con moita aglomeración de persoas nesta parte da cidade”.

Agora, co inicio da tempada estival, o Concello aproveita o contexto actual para iniciar as intervencións de mellora no firme, das que xa se informou previamente ao tecido hostaleiro da contorna para retirar temporalmente as terrazas habilitadas sobre a calzada, mentres se desenvolven as actuacións de mellora.

Sumando estas novas intervencións previstas na contorna do Campo da Leña e na rúa San Xoán, o Concello chega case aos 2 millóns de investimento co obxectivo de renovar o firme das calzadas municipais no que vai de ano.

Ao longo deste 2025 actuouse ao longo do Paseo Marítimo —Pedro Barrié de la Maza e a contorna das Lagoas—, a avenida do Metrosidero e as Ánimas, a rotonda das Paxariñas e tamén en Catro Camiños, en diversos puntos de Agrela, en Linares Rivas e na praza de Ourense e tamén en Manuel Murguía e na avenida da Habana. Ademais, hoxe mesmo arrincarán os traballos previstos na rúa Juan Flórez, con actuacións en máis de 6.600 metros cadrados de firme.

Por outra banda, estes días avanzan os traballos no núcleo poboacional da Silva, onde o Concello está a pavimentar os accesos desde a rúa Benela.

⚙ Configurar cookies
0.11585593223572