O Concello da Coruña remata os traballos na rúa Lázaro Cárdenas

O Concello da Coruña rematou esta semana os traballos de asfaltado e pintado na rúa Lázaro Cárdenas, no barrio de Pedralonga. Trátase dunha vía moi transitada polo tráfico rodado, xa que serve de conexión alternativa entre o barrio de Eirís e a rúa Santa Teresa de Jornet, fronte á residencia da terceira idade, co núcleo de Pedralonga. O tramo intervido discorre en paralelo ao itinerario por estrada de Eirís e a avenida de Montserrat.
En concreto, asfaltouse o treito comprendido entre o bloque de edificios número 13 e o inicio da avenida de Pedralonga. Ademais, realizouse o pintado das líñas e bandas na calzada. A vía presentaba diversas deficiencias, como fochas e desgaste derivado do uso continuado. Trátase dunha estrada de carril único que dá servizo a preto dun centenar de veciños e veciñas residentes na rúa, facilitando o acceso aos seus garaxes.
O Concello actuou igualmente noutro tramo da rúa Pedralonga, concretamente no lado do parque infantil e a área biosaudable, unha das zonas máis transitadas do barrio. Esta vía dá acceso ao edificio que acolle a Asociación Veciñal de Pedralonga e Down Coruña. A intervención incluíu o asfaltado e pintado desde a entrada pola avenida de Pedralonga, no Mesón A Rúa, ata o número 43, ao remate da área biosaudable.
Estas actuacións foron demandadas pola Asociación Veciñal de Pedralonga e comprometidas pola alcaldesa. Deste xeito, o Goberno de Inés Rey cumpre coa petición veciñal e mellora as condicións da calzada nestas dúzas localizacións.