O Concello da Coruña reivindica máis recursos contra a violencia machista co lema ‘Non hai escusas’



O Concello da Coruña presentou este luns a súa campaña polo 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que nesta edición se articula de novo arredor do lema ‘Non hai escusas’. No acto interviñeron a alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, que detallaron as liñas principais da programación municipal.
Inés Rey salientou que a violencia de xénero ‘non é un asunto privado nin un simple conflito de parella, senón unha das maiores vulneracións de dereitos humanos que existen’ e advertiu do avance dos discursos que negan ou minimizan esta realidade. A rexedora subliñou que ‘o negacionismo non é unha opinión máis, senón un perigo para a seguridade das mulleres e das crianzas’ e lembrou que detrás de cada dato oficial sobre delitos contra a liberdade sexual ‘hai unha muller, unha nena ou unha familia coa vida quebrada’.
A alcaldesa aproveitou a presentación para reclamar á Xunta de Galicia a creación dun Centro de Crise 24 horas específico na Coruña, lembrando que o Goberno autonómico xa puxo en marcha recursos deste tipo noutras cidades galegas. Rey incidiu en que non é razoable que unha veciña que sofre unha agresión sexual teña que ser derivada a outra cidade ‘nun momento de máximo impacto emocional’ e defendeu que A Coruña conta xa cun ecosistema consolidado de atención ás vítimas, con CIM, casa de acollida, pisos de transición e un tecido asociativo especializado.
Pola súa parte, Nereida Canosa explicou que a programación do 25N se organiza en tres grandes eixos: a violencia vicaria e a exercida contra as e os menores; a trata, a explotación sexual e a prostitución, avanzando cara a relacións afectivo-sexuais máis sas; e a violencia dixital e as novas formas de agresión a través das tecnoloxías. Trátase, segundo indicou, dunha proposta ‘ambiciosa’, que combina formación, acción educativa, cultura, deporte e participación comunitaria para chegar a profesionais, mocidade, infancia, familias e conxunto da veciñanza.
Entre as actividades máis destacadas atópanse unha xornada técnica sobre violencia vicaria e agresións a menores no salón de actos da Fundación ONCE; o espectáculo teatral didáctico ‘Mozas nas redes’ nos institutos da cidade, centrado no impacto das redes sociais e o control dixital; e diversas accións educativas e de sensibilización nos espazos de atención á infancia, ludotecas, escolas interculturais, o Espazo Diverso e as bibliotecas municipais.
A programación inclúe tamén o ciclo ‘Conversas con...’, que traerá á cidade a activista abolicionista Amelia Tiganus, para falar de prostitución, pornografía e plataformas como OnlyFans, e ao sociólogo Erick Pescador, que abordará as masculinidades igualitarias e a prevención da violencia entre a mocidade. Ambas as sesións combinarán encontros educativos con alumnado de secundaria e bacharelato con actos abertos á cidadanía, con intérprete de lingua de signos.
O deporte e o espazo público volverán ter un papel protagonista coa andaina polo 25N e a formación dun gran lazo humano violeta na contorna de Riazor, acompañados da lectura dun manifesto en lembranza das vítimas e en apoio ás superviventes. ‘Non hai escusas para controlar, humillar, difundir imaxes sen consentimento, mercar corpos ou danar ás crianzas’, concluíu Canosa, quen fixo un chamamento á participación masiva da cidadanía na campaña.