O Concello da Coruña reforza a seguridade viaria cunha renovación do firme na rúa Juan Flórez

ACoruñaXa
Ao ser unha vía con alta intensidade de tráfico, as labores de asfaltado realizaranse en horario nocturno
juan-florez
12 Jul 2025

O Concello da Coruña iniciou a planificación para renovar o firme da rúa Juan Flórez, intervindo en máis de 6.600 metros cadrados para garantir un tránsito máis seguro nunha das vías principais da cidade. Esta actuación enmárcase no plan municipal de mantemento e mellora de vías, que xa supón un investimento de máis de 1,8 millóns de euros neste 2025.

Os traballos dividiranse en dúas fases principais. A primeira abordará o tramo que vai desde o cruzamento coa rúa Travesa do Monte, na zona da Falperra, ata Marcial del Adalid, para continuar logo entre Menéndez Pelayo e a rúa Ferrol. Segundo explicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, “xa nunha segunda fase renovaremos o pavimento entre Enrique Dequidt e Nicaragua, que é onde estamos a traballar estes días para mellorar as canalizacións de saneamento. Como é habitual nestes casos, tras instalar os colectores é cando se procede a renovar o firme, así que será entón cando completemos a folla de ruta prevista en Juan Flórez”.

Por tratarse dunha vía con alta intensidade de tráfico, as labores de asfaltado realizaranse en horario nocturno, prevéndose o inicio na noite do domingo ao luns.

Díaz destacou a importancia destas intervencións periódicas para “reforzar a seguridade viaria, xa que hai puntos da cidade onde a erosión do pavimento é máis marcada pola intensidade diaria de tráfico, como pasa con Juan Flórez”.

Este proxecto súmase ás recentes actuacións en zonas como o Paseo Marítimo, a avenida do Metrosidero, a rotonda das Paxariñas, Catro Camiños, Agrela, Linares Rivas, praza de Ourense, Manuel Murguía e avenida da Habana. Tamén continúan os traballos na pavimentación dos accesos desde a rúa Benela, na Silva.

⚙ Configurar cookies
0.16499590873718