O Concello da Coruña reforza a seguridade peonil na zona da rúa Doutor Camilo Veiras

ACoruñaXa
A intervención foi impulsada para reurbanizar e mellorar a acessibilidade da contorna do Centro Oncolóxico de Galicia
apg_20250303_OBRAS_RUA_CAMILO_VEIRAS_ONCOLOXICO_PEDRALONGA_001
4 Mar 2025

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, supervisou as melloras de accesibilidade executadas polo Concello na rúa Doutor Camilo Veiras. A intervención, impulsada para reurbanizar a contorna do Centro Oncolóxico de Galicia segundo a normativa vixente, ten como obxectivo reforzar a seguridade peonil na zona.

Acompañada polo concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, responsable do distrito 8, e pola concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, a rexedora destacou a importancia desta actuación. Cun investimento superior aos 411.000 euros, permitiu a remodelación dos espazos públicos próximos ás instalacións sanitarias, a ampliación das beirarrúa e a calzada, facilitando o cruzamento simultáneo de dous vehículos e mellorando a circulación de ambulancias e autobuses urbanos.

As obras incluíron a renovación das infraestruturas de saneamento e o sistema de iluminación, facéndoos máis seguros e eficientes. Ademais, o Concello aproveitou o plan de melloras na contorna do Oncolóxico para atender unha demanda veciñal na avenida de Montserrat, onde se prolongará a varanda de protección existente no cruzamento con Doutor Camilo Veiras. A estrutura xa está solicitada e en fase de fabricación en taller.

A alcaldesa subliñou a aposta do Concello por un plan de continuidade que dé resposta ás necesidades dos barrios mediante medidas a curto, medio e longo prazo. Recentemente, executáronse melloras nas rüas de Eirís e Pedralonga, coa apertura dun novo aparcadoiro público preto da Cidade das TIC, con 55 prazas dispoñibles, e a renovación do firme da rúa Lázaro Cárdenas.

As melloras na contorna do Centro Oncolóxico de Galicia forman parte dos 17 proxectos municipais que obtiveron financiamento estatal a través da segunda convocatoria de fondos Next Generation. O Concello acadou máis de 9 millóns de euros para intervir nos barrios, avanzando na transformación urbana da cidade.

Esta intervención é a terceira que se completa entre as que requirían obra civil, despois das melloras xa executadas entre as rüas Bergondo e Casanova de Eirís, no barrio do Castrillón, e na praza Pintor Laxeiro, en Elviña.

 

⚙ Configurar cookies
0.086822986602783