O Concello da Coruña reforza a educación en igualdade e diversidade nos centros educativos
O Concello da Coruña lanzará no segundo trimestre do curso un novo programa para fomentar a igualdade e o respecto pola diversidade nos centros educativos da cidade. A iniciativa, que conta cun orzamento superior aos 123.000 euros, incluirá talleres formativos e pedagóxicos dirixidos ao alumnado de todas as etapas educativas, desde educación infantil ata formación profesional.
A alcaldesa, Inés Rey, destacou que este programa busca "concienciar e implicar as xeracións máis novas" na creación dunha sociedade "máis xusta, tolerante e respectuosa coa diversidade". O proxecto tamén poderá ampliarse durante o curso 2025-26, segundo os pregos do contrato.
Os talleres, que adoptarán un formato lúdico e interactivo, variarán segundo a idade do alumnado e cubrirán aspectos como o respecto interpersoal, a diversidade funcional, a identidade sexual, e outras cuestións sociais e culturais.
A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa, subliñou que esta medida "axudará a sensibilizar sobre a importancia do respecto á diversidade" e deixará "unha semente de futuro" nas novas xeracións.
Un milleiro de horas de formación para o alumnado
O programa inclúe 291 talleres que se impartirán ao longo do segundo e terceiro trimestre deste curso, sumando máis de mil horas de formación. Entre as modalidades destacan xogos para nenos e nenas de educación infantil, talleres creativos para alumnado de primaria e secundaria, e foros de debate para os máis maiores, abordando temas como a prevención da violencia sexual, as redes sociais ou a xestión emocional.
O Concello comunicará a apertura das inscricións aos centros educativos a través das súas canles oficiais e da plataforma Coruña Educa, unha vez adxudicado o contrato do programa.