O Concello da Coruña reformará os centros cívicos de Labañou, San Diego, O Castrillón e Os Rosales

ACoruñaXa
As actuacións forman parte da primeira fase do Plan de Renovación dos Centros Cívicos da cidade
barrios-corunha
7 Apr 2025

A Xunta de Goberno local da Coruña aprobou os proxectos de reforma dos centros cívicos de Labañou, San Diego, O Castrillón e Os Rosales, cun investimento total de case 1,58 millóns de euros. Estas actuacións forman parte da primeira fase do Plan de Renovación dos Centros Cívicos da cidade, que terá un investimento global de 3 millóns de euros, co obxectivo de mellorar as infraestruturas e servizos para a veciñanza.

As reformas previstas nos catro centros cívicos implican melloras na accesibilidade, eficiencia enerxética e seguridade, creando espazos máis modernos e adaptados ás necesidades da cidadanía. As obras terán un prazo de execución de entre 3 e 4 meses, dependendo de cada centro.

Centro Cívico de Labañou

Con un orzamento de 709.462,45 euros, este proxecto inclúe a reforma parcial da envolvente do edificio. Substituirase a cuberta metálica actual por paneis illantes tipo sándwich para mellorar o illamento térmico e eliminar filtracións. Tamén se renovarán as ventás e acristalamentos exteriores, e mellorarase a recollida de augas pluviais. No interior, reporanse os falsos teitos e acabados deteriorados. A obra mellorará a eficiencia enerxética e o confort térmico do centro, beneficiando a todas as persoas usuarias.

Centro Cívico de San Diego

Con un investimento de 208.104,25 €euros, as obras no centro de San Diego incluirán a conservación e mellora da fachada, cuberta e elementos exteriores do edificio. Limparase e pintarase a fachada principal, e tamén se instalarán sistemas de protección para evitar a nidación de aves. A cuberta será reparada e renovada, e instalarase unha liña de vida homologada para facilitar futuros mantementos con seguridade. Estas melloras permitirán prolongar a vida útil do centro e mellorar as condicións de salubridade e seguridade para a veciñanza.

Centro Cívico de O Castrillón

Neste centro, cun orzamento de 346.995,29 euros, realizaranse reparacións no exterior e interior do edificio, incluíndo a instalación dun novo sistema de climatización. A cuberta e fachadas serán melloradas, eliminando vexetación e sucidade acumulada. Tamén se mellorarán as ventás e xuntas para evitar humidades. No interior, renovarase a pintura, e a biblioteca infantil contará cun novo sistema de climatización moderno, mellorando as condicións tanto para os usuarios do centro cívico como para os nenos e nenas da biblioteca.

Centro Cívico de Os Rosales

A reforma neste centro, cun investimento de 313.172,96 euros, céntrase na impermeabilización da cuberta do edificio, que presenta problemas de filtración de augas. A cuberta será renovada cunha membrana de poliurea en quente para garantir a súa estanqueidade, e instalarase unha nova rede de recollida de pluviais. Estas actuacións tamén afectarán á praza superior do centro, mellorando o espazo público do barrio e asegurando a protección da biblioteca e outras instalacións interiores. O prazo de execución estimado é de 4 meses.

Estas catro intervencións forman parte dun plan máis amplo de mellora da rede de centros cívicos municipais da Coruña, que busca ofrecer espazos públicos máis cómodos, accesibles e seguros para a veciñanza. Coa apertura do centro cívico do Birloque e a rehabilitación integral da Casa Veeduría, o Goberno de Inés Rey continúa a súa aposta por mellorar os servizos públicos da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.16341280937195