O Concello da Coruña recibe os novos olmos resistentes á grafiose para o xardín de San Carlos

ACoruñaXa
A grafiose é unha enfermidade que arrasou as olmedas de Europa nas últimas décadas
olmos-xardin-corunha
15 Apr 2025

O Concello da Coruña deu un novo paso no proceso de recuperación dos históricos xardíns de San Carlos coa recepción dos novos olmos resistentes á grafiose, unha enfermidade que arrasou as olmedas de Europa nas últimas décadas. As árbores, de gran porte —con alturas de ata 8 metros e troncos de entre 30 e 35 centímetros de calibre—, proceden dun viveiro especializado nos Países Baixos, concretamente en Van der Berk.

A plantación destes nove exemplares forma parte do Plan de Rehabilitación Integral dos xardíns de San Carlos, un proxecto que busca devolverlle ao espazo a súa esencia sen comprometer o patrimonio histórico que alberga. O proxecto foi xa presentado ante a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e o Concello agarda obter nos vindeiros días a autorización necesaria para proceder coa súa execución.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, destacou que “coa plantación poñemos as bases para a recuperación do noso xardín histórico máis antigo. Por desgraza, non hai ningunha olmeda en Europa que teña resistido á grafiose, pero hoxe garantimos que as vindeiras xeracións poderán gozar dun xardín de San Carlos como moitas e moitos de nós temos gozado”.

Ademais da renovación arbórea, o Concello está a realizar outros traballos complementarios como a rehabilitación dos aseos públicos, a elaboración dun estudo sobre as necesidades de restauración da muralla e a execución de sondaxes arqueolóxicas que permitiron identificar restos de antigas estruturas militares. Estas descubertas foron determinantes para definir a disposición final das novas árbores, que contarán cun sistema separativo subterráneo para evitar que as raíces afecten á muralla, como acontecía no pasado.

Os novos olmos non alterarán a distribución dos parterres, que se manterán tal e como foron reconfigurados no anterior mandato, respectando a traza orixinal do xardín. Unha vez autorizados os traballos, o prazo de execución será dunha semana e o obxectivo é reabrir os xardíns ao público esta primavera.

⚙ Configurar cookies
0.14279079437256