O Concello da Coruña recibe 250 propostas para mellorar o bus urbano

ACoruñaXa
O Concello destaca o alto grao de participación no proceso para definir o novo modelo
Bus 1A Coruña Santa cristina
20 Apr 2025

O proceso participativo posto en marcha polo Concello da Coruña para definir o novo modelo de autobús urbano continúa avanzando cunha importante resposta cidadá. Tras un mes desde a activación do buzón de suxestións, o consistorio recibiu máis de 250 propostas a través do correo participabus@coruna.gal, amosando así o interese da veciñanza por mellorar a rede de transporte público da cidade.

Entre os temas máis recorrentes nas achegas recibidas destaca a demanda de mellores conexións cos centros hospitalarios, que representan arredor do 27 % do total. Así mesmo, moitas persoas solicitaron a ampliación dos horarios das liñas diurnas e nocturnas, concentrando un 22,3 % das mensaxes.

O barrio de Xuxán foi un dos que maior número de suxestións enviou, cun total de 61 correos, o que representa o 24,3 % do total. As persoas residentes nesta zona reclaman, principalmente, unha conexión directa que lles permita desprazarse con maior comodidade ao centro e a outros puntos da cidade.

Tamén se puxeron enriba da mesa propostas relacionadas coa intermodalidade, como a coordinación dos horarios dos autobuses cos do tren e outros medios de transporte metropolitano, co obxectivo de facilitar os desprazamentos e reducir os tempos de espera.

A alcaldesa, Inés Rey, quixo agradecer a implicación cidadá neste proceso: “O volume e a calidade das achegas amosan que a veciñanza está moi implicada en construír un transporte público máis eficiente, humano e conectado coa realidade diaria da Coruña”.

O Concello lembra que o próximo encontro participativo será o xoves 24 de abril ás 18.00 horas, sendo xa o cuarto dos once previstos ata o mes de xuño. Estes encontros buscan recoller unha visión ampla e diversa da cidadanía, de cara á construción dun modelo de transporte urbano adaptado ás necesidades reais da Coruña do presente e do futuro.

⚙ Configurar cookies
0.23386812210083