O Concello da Coruña realizará actuacións para a mellora de tres parques infantís da cidade

O Concello da Coruña acometerá nas vindeiras semanas unha serie de actuacións en tres parques infantís da cidade cun investimento próximo aos 80.000 euros. O obxectivo destas melloras é adaptar os espazos de xogo ás necesidades actuais das crianzas e garantir o seu bo estado de conservación.
As intervencións centraranse nas áreas infantís da rúa Azahar, no Barrio das Flores —onde se renovará unha das principais estruturas multixogo—, e nos parques da praza de Pontevedra e da dársena da Mariña, nos que se substituirán as redes de trepa actuais e se instalarán outras novas.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, destacou que estas melloras forman parte do plan municipal de mantemento dos espazos infantís: “Necesarias porque, como en todos os espazos públicos ao aire libre da cidade, cada certo tempo é importante revisar os equipamentos e valorar a súa renovación tanto por cuestións de uso como pola súa exposición a condicións meteorolóxicas adversas”.
Estas actuacións de conservación compaxínanse con traballos de modernización noutros parques da cidade que precisaban dunha renovación máis profunda. Un exemplo é o parque infantil da praza Francisco Prego, no barrio da Falperra, onde o Goberno que lidera Inés Rey levou a cabo recentemente unha intervención para ampliar a superficie de xogo e renovar os equipamentos.