O Concello da Coruña presenta os seus orzamentos para 2025 con 4 grandes eixos
![apg_20250130_ALCALDESA_CONCELLEIROS_PRESUPOSTOS_2025_004](https://acorunaxa.com/wp-content/uploads/2025/01/apg_20250130_ALCALDESA_CONCELLEIROS_PRESUPOSTOS_2025_004.jpg)
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou o proxecto de Orzamentos Municipais para 2025, que ascenden a 379 millóns de euros, catro máis que o ano pasado. O documento será aprobado mañá na Xunta de Goberno Local antes do seu debate no pleno de febreiro.
Rey destacou o carácter “expansivo e progresista” destas contas, enfocadas no crecemento da cidade e no benestar social, con especial atención aos barrios. O orzamento estrutúrase en catro grandes eixos: dinamización económica con aposta polo sector TIC, reforzo das políticas sociais, impulso da mobilidade sostible e recuperación do espazo público, e un Plan de Barrios 2025-2028 con 53,7 millóns de euros ata 2027.
Unha das novidades é a creación dunha rede de Oficinas de Atención Cidadá, que permitirá realizar trámites municipais nos propios barrios sen necesidade de desprazarse ao centro. O Concello tamén prevé un investimento de 71 millóns de euros en diversos proxectos, entre eles a remodelación de Riazor (1,5 millóns), o mercado de Santa Lucía (3,8 millóns), a adecuación da Fábrica de Tabacos (4,9 millóns), e novas bibliotecas en Novo Mesoiro e Palavea.
Tamén se destinarán fondos á mellora de espazos públicos (11,1 millóns), á reforma da praza de Pontevedra e á creación de novas instalacións deportivas nos Rosales, A Silva e Urbanización Breogán. Ademais, o Concello optarase a fondos europeos para o proxecto da Rolda dos Barrios, cunha estimación de 1,5 millóns para a reurbanización da rolda de Outeiro.
A AESIA E O PROXECTO CORUÑA MARÍTIMA
Os orzamentos deste ano tamén permitirán, segundo sinala o Concello, avanzar en iniciativas a medio e longo prazo nas que xa se está a traballar, ben co ente municipal como principal impulsor ou tamén a escala interadministrativa. Entre as máis destacadas está o proxecto Coruña Marítima, ideado para promover a integración dos peiraos na paisaxe urbana da cidade, e que contará con 700.000 euros en tres anualidades para a elaboración do Máster Plan presentado en María Pita días atrás. A partida correspondente a este exercicio será de 50.000 euros. Serán outros 300.000 no 2026 e outros 350.000 no 2027.
A isto sumarase, proximamente, a posta en marcha das obras de remodelación dos Cantóns entre a praza de Mina e a sede da Autoridade Portuaria, actuación xa adxudicada e que comezará nos vindeiros meses, marcando así o punto de partida da apertura ao porto.
Inés Rey tamén informou de que as contas para este ano farán especial fincapé en investimentos asociados á innovación e o sector das TIC. Por este motivo, consignáronse 4 millóns de euros para acometer as obras de rehabilitación da Terraza, en Méndez Núñez, que acollerá a sede definitiva da AESIA. Entre medias, e como emprazamento transitorio ata a conclusión dos traballos, as e os profesionais da Axencia traballarán nas instalacións da Casa Veeduría, xa rehabilitada. A alcaldesa indicou que, en paralelo a estas medidas, o Concello tamén promoverá iniciativas de dinamización do comercio local e de proximidade, apoiando ao tecido emprendedor coa nova ordenanza reguladora dos centros municipais de empresa. A isto sumarase a aposta polo reforzo da colaboración cos polígonos de Agrela e Pocomaco, “fontes de riqueza e creación de emprego”.
VIVENDA
Inés Rey incidiu en que a batería de medidas prevista en materia de benestar e protección social atenderá especialmente á cuestión da vivenda: “É o momento de actuar cunha visión de longo alcance para facer prevalecer un dereito constitucional que leva demasiado tempo esquecido”.
A este respecto, Rey lembrou que nos vindeiros días arrincarán as obras de construción do novo edificio de vivendas municipais que estará emprazado en Xuxán, con medio cento de inmobles en réxime de aluguer social. “Ademais, xa estamos a traballar para convertir á EMVSA nunha auténtica empresa municipal de vivenda”, expuxo.
En paralelo, o Concello está a avanzar pola vía xurídica co obxectivo de aprobar, nas vindeiras semanas, a nova ordenanza reguladora das vivendas de uso turístico e a solicitude á Xunta da declaración de mercado tensionado, “medidas coas que agardamos axudar a equilibrar o mercado de aluguer na cidade e aliviar os prezos actuais”.
PARQUES, ÁREAS VERDES E MOBILIDADE
O terceiro dos eixos que sustentan os Orzamentos Municipais de cara a este ano é o fomento da mobilidade sostible a aposta pola recuperación de espazos urbanos. A alcaldesa precisou hoxe que, entre as medidas máis destacadas neste eido estará a creación de máis parques.
Por iso, entre este ano e o 2030, o Concello prevé levar a cabo un investimento de 1,5 millóns no Plan de Árbores Urbanas, que neste exercicio contará cunha partida específica de 600.000 euros. A isto sumarase, ademais, o millón de euros que permitirá impulsar actuacións como o parque de Monte Martelo e a segunda fase do bosque de Breogán. Haberá outro millón para a reforma integral do parque de Santa Margarida e outros 300.000 euros para mellorar o parque Europa.
Tamén o Concello avanzará este ano na recuperación e ampliación dos espazos públicos da cidade dando un novo pulo á Rolda Peonil, que chegará proximamente. O impulso á sostibilidade neste 2025 tamén incluirá medidas en materia de mobilidade. Entre elas,
a definición do novo mapa de liñas do transporte urbano, que abrirá camiño á licitación do novo contrato do servizo. O obxectivo, indicou a alcaldesa, é que os pregos estén listos este ano. Ademais, impulsarase a segunda fase de expansión do servizo municipal BiciCoruña, que en 2024 bateu un novo récord de usos, 1,3 millóns, e no que se prevé acometer ao longo deste ano a nova quenda de ampliación do número de bases, das 49 actuais ás 85 previstas en total.