O Concello da Coruña presenta o plan de remodelación dos Cantóns

ACoruñaXa
A reurbanización creará 9.500 metros cadrados de espazo peonil e mellorará a accesibilidade en toda a zona
corunha-cantons
4 Apr 2025

O Concello da Coruña expón a folla de ruta das obras, que se prolongarán durante vinte meses e contan cun investimento de oito millóns de euros. Case un cento de persoas asistiron ao encontro informativo sobre as obras de remodelación dos Cantóns, un acto aberto á cidadanía organizado polo Concello da Coruña co obxectivo de presentar a folla de ruta para os vindeiros vinte meses. As actuacións previstas abranguen desde a Praza de Mina ata a Autoridade Portuaria.

A alcaldesa, Inés Rey, abriu o encontro salientando que a reurbanización dos Cantóns ten como finalidade "prestixiar a sala de estar, o punto de encontro de todas e todos os coruñeses". Con este proxecto, consolidarase unha actuación provisional que se implementou durante a pandemia, cando se incrementou a superficie peonil para cumprir coa normativa sanitaria de distanciamento social.

Aquela medida serviu como punto de partida para o actual proxecto de remodelación, que contará cun investimento de preto de oito millóns de euros. “Esta intervención abrirá a porta á integración entre o porto e a cidade, mellorando a calidade urbana dun espazo emblemático”, destacou Rey.

A reurbanización dos Cantóns creará 9.500 metros cadrados de espazo peonil e mellorará a accesibilidade en toda a zona. Entre as actuacións previstas, inclúese a instalación dun ascensor no aparcadoiro dos Cantóns para facilitar o acceso. Ademais, o carril bici que discorre paralelo aos Xardíns de Méndez Núñez será ampliado e adaptado para ser bidireccional, conectando así a rúa Nova co Paseo Marítimo.

Outra das medidas destacadas será a peonalización de Entrexardíns, unha iniciativa que permitirá recuperar a conexión da cidade co porto. Deste xeito, os Xardíns de Méndez Núñez recuperarán a súa continuidade peonil ata a explanada contigua ao Palco da Música, creando un corredor directo cara aos peiraos de Batería e Calvo Sotelo.

No acto tamén participaron os arquitectos do proxecto, Xosé Manuel Vázquez Mosquera e Carmen Calatayud, así como o director da obra, Javier Vázquez. Durante a súa intervención, explicaron que xa se iniciaron as primeiras actuacións, como a demolición da medianeira entre o Obelisco e o Teatro Colón, e os traballos de renovación do firme na zona máis próxima á avenida da Marina, que se prolongarán durante cinco semanas.

A alcaldesa quixo tranquilizar á veciñanza asegurando que o plan de obras está deseñado para minimizar o impacto na mobilidade. "Gustaríame pedir paciencia e comprensión ante unha obra que, como todas, ocasionará algunhas molestias. Estamos a facela con todo o cariño e con total transparencia, para reducir ao máximo calquera inconveniente", expresou Rey.

Finalmente, a rexedora subliñou que a remodelación dos Cantóns non implicará restricións adicionais ao tráfico de vehículos no centro da cidade, xa que as limitacións seguirán sendo practicamente as mesmas que na actualidade.

⚙ Configurar cookies
0.13927102088928