O Concello da Coruña presenta o cartel da 28ª edición de Viñetas desde o Atlántico

ACoruñaXa
Un festival internacional da banda deseñada que se celebrará na cidade herculina do 11 ao 17 de agosto
castelao-comic
5 Apr 2025

O Salón do Cómic de Barcelona acolle a presentación do cartel oficial da 28ª edición de Viñetas desde o Atlántico, o festival internacional da banda deseñada que se celebrará na cidade herculina do 11 ao 17 de agosto, enmarcado nas Festas de María Pita. O concelleiro de Cultura e Turismo da Coruña, Gonzalo Castro, estivo na presentación.

A obra elixida para ilustrar esta nova edición é do autor galego Rubén Rial, que por primeira vez representa á nova xeración de creadores elixidos para elaborar o cartel do evento. Esta decisión marca un fito na historia do certame, aliñándose coa aposta pola creatividade local e coa figura de Castelao, ao cumprirse o 75 aniversario do seu pasamento, figura arredor da cal xirará boa parte da programación deste ano.

“Desde o Goberno de Inés Rey quixemos hai un ano dar un novo pulo a este festival tan emblemático para a nosa cidade e continuamos sumando novidades e implicando a todo o sector da ilustración e do cómic, tanto local como nacional e internacional”, sinalou Castro durante o acto, no que estivo acompañado por Manel Cráneo, director de Viñetas desde o Atlántico e recoñecido autor e editor coruñés.

O cartel, presentado no stand institucional da Xunta de Galicia dedicado á promoción da banda deseñada galega, rende homenaxe a Castelao, quen aparece interactuando con Krazy Kat, icónico personaxe creado por George Herriman e contemporáneo do artista galego. A ilustración tamén incorpora outras figuras que fan referencia ao segundo gran eixo temático do festival: a relación entre a banda deseñada e a música. A Torre de Hércules actúa como escenario simbólico onde conflúen todos estes universos nunha espiral de viñetas e creatividade.

Durante o acto, tamén se deron a coñecer os primeiros nomes confirmados para esta edición de 2025: Fermín Solís, Carlos Azagra, Magius e Encarna Revuelta, recoñecidos autores que se sumarán á extensa programación de exposicións, encontros e actividades do festival.

 

⚙ Configurar cookies
0.16850090026855