O Concello da Coruña presenta a nova programación do programa Apego para familias

ACoruñaXa
Unha proposta orientada ás crianzas de entre 0 e 6 anos nun espazo de inmersión lingüística en galego
apego-corunha
7 Mar 2025

O Concello da Coruña pon en marcha a programación do programa Apego para os vindeiros meses, cunha proposta orientada a familias con crianzas de entre 0 e 6 anos. As actividades desenvolveranse nas aulas e no auditorio do Centro Sociocultural Ágora, ofrecendo un espazo de inmersión lingüística en galego.

O programa Apego, organizado polo Servizo de Normalización Lingüística, ten como obxectivo promover a lingua galega a través da difusión de contidos culturais, fomentando o contacto interxeracional e proporcionando un ambiente onde tanto falantes habituais como aquelas familias que buscan achegarse ao idioma poidan aprender dun xeito lúdico, divertido e didáctico. Durante as actividades abordarase temáticas como o ecoloxismo, a importancia da identidade propia e a protección da infancia fronte a abusos.

“Desde o Goberno de Inés Rey estamos plenamente concienciados da necesidade de fomentar o uso do galego entre as xeracións máis novas e consideramos que as iniciativas culturais son as máis axeitadas para facelo”, afirmou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

A programación de primavera de Apego incluirá unha gran variedade de actividades destinadas ao público infantil, entre as que destacan teatro, contacontos, obradoiros e concertos. O ciclo abrirase o martes 11 de marzo coa representación da peza ‘A libraría máxica’, da compañía Inventi Teatro. A obra renderá homenaxe ao pequeno comercio e ás tendas de barrio, ademais de achegar ás crianzas o amor pola literatura e a lingua galega.

 

⚙ Configurar cookies
0.050067901611328