O Concello da Coruña, premiado nos X Premios Down Galicia pola súa aposta pola inclusión

A alcaldesa, Inés Rey, participou no acto de entrega dos X Premios Down Galicia, onde o Concello da Coruña foi galardoado na categoría institucional polo seu compromiso coa inclusión e integración social e laboral das persoas con síndrome de Down.
No acto, celebrado no paraninfo da Reitoría da Universidade da Coruña, Rey destacou “o traballo incansable” de Down Coruña, que este ano conmemora 25 anos de traxectoria desde os seus inicios no Barrio das Flores ata a súa sede actual en Pedralonga.
A rexedora eloxiou a asociación como “un exemplo de loita por unha sociedade xusta, onde todas e todos teñan cabida e gocen das mesmas oportunidades para unha vida independente”. Como exemplo deste compromiso, Rey mencionou iniciativas como o quiosco Down Experience na praza de Ourense, un espazo hostaleiro recuperado grazas á colaboración entre a asociación e o Concello.
Tamén puxo en valor proxectos como o de Carmela Álvarez, coñecida como Carmelamola, emprendedora con síndrome de Down que dende finais de 2023 ten o seu posto de bixutería artesanal no mercado municipal de San Agustín. “Non é un posto ao uso, senón un espazo cheo de corazón e talento, demostrando que as barreiras só existen se nós as poñemos”, subliñou a alcaldesa.
Rey tamén resaltou os avances na inclusión no ámbito deportivo, facendo referencia ao Dépor Genuine, equipo do Real Club Deportivo da Coruña no que participan persoas con discapacidade intelectual e que conta coa colaboración de asociacións como Down Coruña. “Este equipo exemplifica os valores máis puros do deporte: o traballo en equipo, o compañeirismo e as ganas de superarse”, concluíu.