O Concello da Coruña pon en marcha un programa de actividades acuáticas para nenos e nenas

ACoruñaXa
Son actividades que buscan fomentar a seguridade acuática, o respecto polo medio e o lecer saudable
riazor-salvamento
7 Jul 2025

O Concello da Coruña vén de dar comezo a un novo programa estival orientado á infancia e adolescencia, cun enfoque educativo e lúdico centrado no medio mariño. A través do servizo de salvamento das praias, o Goberno local ofrece desde hoxe actividades dirixidas a nenos e nenas de entre 6 e 16 anos co obxectivo de fomentar a seguridade acuática, o respecto polo medio e o lecer saudable.

As sesións desenvolveranse de luns a venres nas praias de Riazor e Oza, tanto en horario de mañá (de 11.00 a 14.00 horas) como de tarde (de 16.00 a 19.00 horas). As actividades están deseñadas para favorecer a aprendizaxe activa mediante o xogo, o deporte e a cooperación, adaptándose ás diferentes idades dos participantes.

A rapazada terá a oportunidade de iniciarse nas técnicas básicas de salvamento e mellorar as súas habilidades no medio acuático, ao tempo que se promove o desenvolvemento de valores como o respecto, a autonomía e a colaboración.

No marco das políticas de dinamización do verán impulsadas polo Goberno de Inés Rey, esta proposta contribúe tamén á conciliación familiar e á promoción de hábitos de vida saudables entre a mocidade. Ademais, busca poñer en valor a profesión de salvamento e os seus principios éticos e humanos.

Desde o Concello destacan que o enfoque será lúdico e seguro, procurando que cada participante viva “unha experiencia enriquecedora e segura”, ao tempo que se reforza o compromiso municipal cunha cidade máis accesible, educativa e centrada no benestar das familias coruñesas.

⚙ Configurar cookies
0.17749404907227