O Concello da Coruña organiza unha nova edición de Viaxe ao centro do Aquarium

ACoruñaXa
Busca achegar a ciencia á cidadanía e dar a coñecer o funcionamento interno do acuario
Imaxe do Aquarium da Coruña
28 Mar 2025

O Concello da Coruña anuncia unha nova edición da actividade divulgativa Viaxe ao centro do Aquarium, que terá lugar o sábado 29 de marzo no Aquarium Finisterrae. Esta iniciativa, promovida polo actual Goberno municipal, busca achegar a ciencia á cidadanía e dar a coñecer o funcionamento interno do acuario.

Durante a visita, o persoal técnico do centro guiará aos participantes polas zonas de bombeo, filtración, laboratorio, cociña, corentenas e a sala de cultivos auxiliares. O obxectivo é amosar os recursos e sistemas empregados para manter en condicións óptimas os millóns de litros de auga mariña que circulan diariamente polos tanques, ademais de responder a todas as inquedanzas do público sobre a xestión e conservación da biodiversidade mariña.

Con este tipo de iniciativas, o Goberno de Inés Rey reafirma o seu compromiso coa divulgación científica e a educación ambiental, impulsando espazos de aprendizaxe accesibles e de interese para toda a veciñanza.

A actividade está dirixida a persoas maiores de 16 anos e conta cun aforo máximo de 12 participantes. O prezo da entrada é de 10,30 euros, sendo gratuíta para os membros da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias, titulares da Tarxeta Vente e persoas con discapacidade.

⚙ Configurar cookies
0.089654922485352