O Concello da Coruña oferta formación para persoas desempregadas

ACoruñaXa
Os cursos desenvolveranse entre febreiro e outubro, cunha duración que oscila entre as 30 e as 761 horas
Imaxe do Pazo de María Pita (Casa do Concello) na Coruña
3 Feb 2025

O Concello da Coruña porá en marcha esta primeira semana de febreiro a súa oferta formativa do primeiro semestre do 2025 para persoas desempregadas. “Desde o Goberno de Inés Rey queremos que a cidadanía se incorpore ao mercado laborar e por iso fomentamos diferentes cursos que permitirán ás persoas participantes adquirir coñecementos que lles farán máis doado optar a distintos traballos”, indicou Diana Cabanas, concelleira de Emprego, Comercio e Mercados.

Para esta primeira metade do ano, a oferta formativa municipal, que se impartirá no Centro Municipal de Emprego dos Rosales, conta cun total de 2.402 horas formativas, repartidas en 11 cursos diferentes e cun total de 165 prazas dispoñibles. As persoas interesadas poden solicitar información a través do servizo municipal de Emprego.

Os cursos desenvolveranse entre febreiro e outubro, cunha duración que oscila entre as 30 e as 761 horas. Cada curso terá un máximo de 15 alumnos ou alumnas, permitindo unha maior especialización dos participantes. “Ofertamos cursos que teñen un gran valor para entrar rapidamente no mercado laboral, como son os relacionados coa construción, a hostalería ou a capacitación dixital”, apuntou Diana Cabanas.

Para participar nos cursos de formación, cómpre pedir cita ao servizo de orientación laboral chamando ao 010 ou ao 981 184 399. Este servizo municipal, de balde, realiza un proceso de orientación persoal para seleccionar os cursos que máis se axustan ao perfil da persoa interesada.

A oferta formativa inclúe cursos como o de Soldadura con electrodo revestido e TIG, que comezará o 21 de marzo e rematará o 1 de outubro cun total de 761 horas lectivas; Pintura decorativa na construción, que se impartirá do 7 de febreiro ao 28 de xullo con 661 horas de formación; e Operacións básicas de cociña con certificado de profesionalidade, que iniciará en marzo e contará cun total de 365 horas. Ademais, ofertaranse cursos de Operacións básicas de restaurante e bar con certificado de profesionalidade, con 305 horas de formación e inicio en marzo; catro edicións do curso de Capacitación dixital, de 30 horas cada unha, programadas entre febreiro e maio; dous cursos de Manipulación de carga con carretillas elevadoras, un en abril e outro en maio, con 50 horas cada un; e finalmente, o curso de Competencias clave, que se impartirá do 4 ao 30 de abril cun total de 90 horas formativas.

Esta iniciativa ten como obxectivo principal mellorar a empregabilidade das persoas en situación de desemprego, proporcionándolles formación especializada en sectores con alta demanda laboral, facilitando as súa incorporación ao mercado de traballo.

 

0.099334001541138