O Concello da Coruña mellora o parque infantil de Matogrande con distintas actuacións

ACoruñaXa
As obras prolongaranse durante aproximadamente tres semanas e ofrecerán máis espazo de descanso
parque-corunha
17 Mar 2025

O Concello da Coruña puxo en marcha esta semana os traballos de mellora no parque infantil da rúa Sebastián Martínez Risco, no barrio de Matogrande. Nos vindeiros días habilitarase unha nova bancada de formigón para ofrecer máis espazo de descanso ás persoas usuarias da área de xogos.

O recinto, situado xunto ao centro de saúde do barrio, conta cunha capacidade para 70 persoas usuarias, pero ata o de agora só dispoñía de catro bancos. “Isto obrigaba a moitas familias a permanecer de pé ou a apoiarse nunha varanda de madeira que, co paso dos anos, foi sufrindo deterioración”, explicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.

Díaz destacou que a nova bancada non só mellorará a comodidade do espazo, senón que tamén permitirá eliminar a varanda de madeira, optimizando os recursos dispoñibles e reducindo custos de mantemento. Ademais, a actuación incluirá a renovación do firme de caucho da zona de xogos, dentro do plan de conservación impulsado polo Goberno municipal para mellorar os parques infantís da cidade. As obras prolongaranse durante aproximadamente tres semanas, sempre en función das condicións meteorolóxicas.

O plan de actuacións definido polo Goberno de Inés Rey no barrio de Matogrande inclúe tamén a renovación e ampliación das beirarrúas na rúa Sebastián Martínez Risco, no tramo que se converteu en sentido único en agosto do ano pasado. O obxectivo desta medida, aprobada polo Servizo municipal de Mobilidade, é mellorar a seguridade viaria e reducir a conxestión do tráfico rodado, especialmente na contorna do cruzamento coa rúa Luis Quintas Goyanes.

Segundo explicou a concelleira Noemí Díaz, esta zona rexistra un elevado volume de circulación debido á proximidade do colexio Liceo La Paz, polo que se decidiu adaptar o espazo ás necesidades peonís e viarias. A remodelación permitirá ampliar a beirarrúa que dá acceso ao parque infantil, así como a que se atopa á beira do centro educativo. O Concello da Coruña destina un investimento de 175.000 euros a esta intervención, que avanza segundo os prazos previstos.

⚙ Configurar cookies
0.60852003097534