O Concello da Coruña mellora a recollida de augas pluviais en Félix Rodríguez de la Fuente

O Concello da Coruña vén de completar esta semana as obras de mellora na rúa Félix Rodríguez de la Fuente, na Urbanización Breogán, cunha intervención centrada na renovación da rede de recollida de augas pluviais e na posta a punto do firme da calzada. Estes traballos, que supuxeron un investimento de 284.000 euros cofinanciados coa Deputación da Coruña a través do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais (POS), enmárcanse no compromiso do Goberno local, encabezado por Inés Rey, coas necesidades do distrito.
A actuación permitiu modernizar o circuíto de colectores, que agora se integran na rede separativa xa existente. As novas tubaxes soterradas, de PVC e con diámetros de entre 200 e 630 milímetros segundo o treito, aumentan a capacidade de drenaxe e reducen o risco de fugas, contribuíndo a unha maior seguridade e eficiencia do sistema.
Posteriormente, acometéronse melloras no firme da calzada para facilitar o tránsito de vehículos e optimizar a evacuación das augas cara aos pozos de drenaxe. Ademais, aproveitouse a intervención para sobreelevar dous pasos de peóns, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e fomentar a redución da velocidade do tráfico nunha contorna residencial.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, destacou que estas actuacións responden “a unha planificación sostida no tempo para mellorar a calidade de vida nos barrios e adaptar as infraestruturas urbanas aos retos climáticos actuais”.
Nun horizonte inmediato, a Urbanización Breogán tamén verá reforzada a súa oferta deportiva e de lecer coa construción dunha nova pista multideporte na rúa Antonio Casares Rodríguez, que contará cun investimento municipal próximo aos 300.000 euros. Tal e como anunciou hoxe a alcaldesa Inés Rey, a instalación permitirá a práctica de baloncesto, fútbol e voleibol, tanto de forma independente como simultánea, e estará dotada de peche perimetral e iluminación de última xeración.
“A cidade que queremos é unha cidade pensada para as persoas, con espazos seguros, accesibles e que fomenten a vida comunitaria”, concluíu a rexedora.