O Concello da Coruña mellora a icónica incubadora de pitiños da Casa das Ciencias

ACoruñaXa
A nova instalación ofrece mellores condicións e unha maior accesibilidade para o público infantil, permitindo que cada día poidan observar o nacemento de novos pitiños
Imaxe da ncubadora de pitiños da Casa das Ciencias
4 Out 2024

O Concello da Coruña renovou unha das atraccións máis populares da Casa das Ciencias: a incubadora de pitiños. Esta nova versión, máis espazosa e accesible, está deseñada especialmente para que as crianzas poidan observar o proceso de incubación de galiñas, permitindo que disfruten desta experiencia didáctica dende unha posición cómoda grazas a unha cristaleira a pouca altura.

A mellora forma parte dun plan máis amplo de actualización das infraestruturas dos Museos Científicos da cidade impulsado polo Goberno de Inés Rey, similar á renovación recente do proxector do planetario. Ademais de facer a incubadora máis visible, optimizáronse as condicións de temperatura, humidade e hixiene que precisan os animais para un desenvolvemento saudable.

Esta instalación leva sendo parte da Casa das Ciencias desde 1997, cando se incluíu nunha exposición temporal sobre a cor amarela. Debido ao grande interese do público e ao seu valor educativo, a incubadora converteuse nunha peza permanente. Os pitiños nacen tras 21 días de incubación nun ambiente controlado, e tras romper a casca, comezan a moverse e a alimentarse de forma autónoma.

As crías que nacen na Casa das Ciencias son entregadas a granxas locais a través dunha empresa de educación ambiental, garantindo o seu coidado axeitado unha vez que saen do museo.

0.18741488456726