O Concello da Coruña mellora a accesibilidade no centro veciñal de Monte Alto e nas rúas próximas

O Concello da Coruña avanza nas obras para facilitar o acceso ao centro veciñal de Monte Alto, un espazo de referencia no barrio que acolle actividades culturais, sociais e unha biblioteca pública. A actuación principal consiste na construción dunha rampla no lateral do inmoble, dando resposta a unha antiga demanda da veciñanza e mellorando a accesibilidade ao local da AA.VV. Atochas-Monte Alto-A Torre.
A intervención complétase cunha mellora no percorrido peonil que une a rúa da Torre con Curros Enríquez e o Campo de Marte, onde se elevará o paso de peóns co obxectivo de reforzar tanto a accesibilidade como a seguridade viaria.
Segundo explicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, estas actuacións forman parte dun plan máis amplo para eliminar barreiras arquitectónicas en diferentes puntos da cidade. No barrio de Monte Alto tamén se prevé intervir na rúa Valencia, ampliando beirarrúas, renovando a calzada e mellorando a rede de pluviais.
En paralelo, avanzan os traballos nas Xubias de Arriba, na contorna do Hospital Marítimo de Oza, onde se están executando melloras nos pasos peonís para garantir desprazamentos máis accesibles e seguros.