O Concello da Coruña manterá as tarifas bonificadas do transporte urbano ata xuño

ACoruñaXa
O prezo do servizo manterase reducido á metade para as persoas usuarias da Tarxeta Millenium
corunha-bus
6 Mar 2025

O Concello da Coruña manterá as tarifas bonificadas no servizo de transporte urbano durante o primeiro semestre do ano. Así o trasladou o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage. A medida foi ratificada na Xunta de Goberno Local celebrada en María Pita. O transporte urbano da Coruña pechou o pasado ano cun récord histórico de máis de 27,5 millóns de viaxes.

Lage lembrou que a finais de decembro aprobouse a ampliación desta medida ata o 30 de xuño, tras a prórroga das axudas ao transporte aprobada polo Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible (MITMA). “Isto supón que o Estado continúa asumindo o 30% da bonificación, mentres que o Concello sufraga o 20 % restante”, explicou. Deste xeito, o prezo do servizo manterase reducido á metade para as persoas usuarias da Tarxeta Millenium, cun custo de 0,38, 0,12 e 0,15 euros nas tarifas xeral, social e universitaria, respectivamente.

O edil criticou a falta de apoio da Xunta de Galicia a esta iniciativa. “Non nos cansaremos de lembrar que a Xunta podería contribuír ao fomento do transporte público urbano da Coruña, pero descartou esta posibilidade. O Goberno galego non aposta pola mobilidade sostible na nosa cidade, mentres que nós si, e por iso seguimos mantendo as tarifas bonificadas e descartando calquera suba para este ano”, manifestou Lage.

ESTUDANTES CORUÑESES EN CANADÁ

A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación do contrato para a xestión das Bolsas Norteamérica para o próximo curso. A empresa New Link Education será a encargada de levar a cabo este programa, que permitirá que 30 estudantes coruñeses cursen o seu primeiro ano de Bacharelato en Canadá.

“O Concello impulsa esta iniciativa desde hai dúas décadas e este ano reforzámola cun investimento de 650.000 euros”, destacou Lage. As bolsas cobren a estadía con familias anfitrioas, a escolarización en institutos canadenses, a tramitación de visados, as viaxes de ida e volta, asistencia sanitaria e unha axuda mensual para manutención. Ademais, os estudantes con menos recursos poderán optar a unha achega económica adicional, condicionada a un informe de vulnerabilidade social emitido polos servizos sociais municipais.

O edil informou de que os trámites administrativos para a convocatoria 2025-26 seguen o seu curso. Trala publicación da listaxe provisional e a apertura do prazo de reclamacións —que remata hoxe—, nos vindeiros días darase a coñecer a listaxe definitiva de beneficiarios.

LICITACIÓN DO SERVIZO DE SALVAMENTO, SOCORRISMO E VIXILANCIA NAS PRAIAS

A Xunta de Goberno Local aprobou a licitación do servizo de salvamento, socorrismo e vixilancia nas praias da Coruña para a tempada de verán. O servizo prestarase entre o 15 de xuño e o 15 de setembro.

Lage subliñou que o Goberno de Inés Rey está a traballar con antelación para definir o dispositivo de prevención e seguridade nos areais da cidade. Nas semanas previas ao inicio da tempada, procederase á instalación das casetas de salvamento. O Concello destina 600.000 euros á prestación deste servizo para o presente ano, cun contrato prorrogable no 2026.

⚙ Configurar cookies
0.18397402763367