O Concello da Coruña licita as obras de construción da nova pista multideporte da Urbanización Breogán

O Concello vén de licitar as obras de construción da nova pista multideporte da Urbanización Breogán, un equipamento ao aire libre que permitirá dotar o núcleo residencial da súa primeira instalación deportiva pública.
A pista, que estará emprazada nunha parcela municipal situada na rúa Antonio Casares Rodríguez, permitirá a práctica de múltiples disciplinas deportivas, como baloncesto, fútbol e voleibol, ben de forma independente ou simultánea. Ademais, a pista contará cun peche perimetral e tamén cun moderno sistema de iluminación.
A alcaldesa, Inés Rey, lembrou que o proxecto para a construción desta instalación municipal se aprobou a finais de novembro, cando a Xunta de Goberno Local lle deu luz verde á proposta, da que se informou previamente as veciñas e veciños da Urbanización.
Agora, coa saída a concurso das obras e a posterior adxudicación destas, ábrese camiño á posta en marcha dos traballos, que contan cun prazo de execución de seis meses.
O investimento previsto polo Concello é de case 300.000 euros, partida que permitirá responder a unha das principais demandas das veciñas e veciños da Urbanización Breogán, onde recentemente tamén concluíron as melloras previstas na rúa Félix Rodríguez de la Fuente, en que se remodelou a rede de recollida de augas pluviais e, de paso, se executou a renovación do firme ao longo da rúa, con actuacións tamén en varios pasos peonís, que se elevaron para propiciar a redución da velocidade do tráfico rodado no núcleo residencial e, así, reforzar a seguridade viaria.
Outras dúas pistas multideporte nos Rosales e A Silva
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, informou hoxe de que, en paralelo aos trámites administrativos da pista da Urbanización Breogán, avanzan tamén as obras de construción doutras dúas pistas no barrio dos Rosales e no núcleo da Silva.
No caso da pista multideporte da Silva, que se está a executar na explanada que hai tras o centro cívico, xa é visible a o peche perimetral da instalación e, previsiblemente durante a vindeira semana, chegarán os equipamentos da área de ocio infantil que complementará á pista, o que lle permitirá á veciñanza da Silva, e dos barrios próximos, contar cun novo equipamento público ao aire libre e concibido para un amplo abano de idades.