O Concello da Coruña licita a rehabilitación de Santa Lucía cun novo centro de saúde e centro cívico

O Concello da Coruña dá un paso decisivo cara á transformación do antigo mercado de Santa Lucía. A alcaldesa, Inés Rey, anunciou a saída a concurso público das obras de rehabilitación deste emblemático edificio, unha intervención que suporá un investimento total de 10,3 millóns de euros e que traerá consigo novos servizos públicos clave para o barrio da Falperra e o Ensanche, como un centro de saúde e un centro cívico.
“Falamos dunha cuestión que se remonta a hai máis de 15 anos. Agora, cumprirémola. E construíndo non só un novo centro de saúde, senón aproveitando ao máximo un edificio que terá usos múltiples, necesarios para o barrio, como o centro cívico”, subliñou Rey.
O proceso de licitación abrirase cun prazo de 30 días naturais para a presentación de ofertas desde a súa publicación na Plataforma de Contratación. Unha vez adxudicadas, as obras terán un prazo de execución de 18 meses, co obxectivo, segundo a rexedora, de comezar “antes de que remate o ano”. Trátase, engadiu, do “investimento máis elevado na Falperra en décadas”.
O proxecto conta ademais cun financiamento de tres millóns de euros procedentes de fondos europeos PIREP, que permitirán cofinanciar a intervención en colaboración coa Xunta, coa que o Concello asinou recentemente un convenio para facer realidade esta demanda histórica. “O diálogo e a colaboración interadministrativa permitíronnos chegarmos ata aquí, porque entendemos que a rehabilitación de Santa Lucía e a construción do novo centro de saúde son unha cuestión de primeira necesidade que se demorou en mandatos pasados, baixo Gobernos de distintos signos políticos, e que non podía agardar máis”, afirmou a alcaldesa.
Máis de 1,8 millóns para melloras nos barrios
Paralelamente, a Xunta de Goberno Local aprobou a licitación doutra actuación significativa: a urbanización da praza José María Hernansáez, no barrio do Castrillón. Cun investimento de máis dun millón de euros, o espazo será completamente transformado nunha nova zona peonil e de lecer, accesible e adaptada ás necesidades actuais da veciñanza.
Segundo explicou Rey, o proxecto xa fora presentado ao barrio en marzo e, tras incorporar achegas e suxestións veciñais, entra agora na súa fase final. A praza contará con sendas renovadas, áreas verdes reorganizadas, melloras na rede de recollida de augas, reforzo da seguridade viaria e accesos adecuados para vehículos de emerxencia.
“Estamos comprometidos con revitalizar os barrios da Coruña, para responder ás súas necesidades e, como neste caso, a demandas que se remontan moi atrás no tempo, tras anos e anos de desleixo. Apostamos polo diálogo e a transparencia, falando cara a cara coa veciñanza, informándoa ao detalle e escoitando as súas achegas”, concluíu a rexedora.